O PSOE e o BNG participaron das mobilizacións en Lourenzá e no Vicedo para esixir unha boa sanidade
Os socialistas participaron nas mobilizacións convocadas pola Plataforma Sanitaria da Mariña na Praza Conde Santo, de Lourenzá, e pola veciñanza e o tecido asociativo do Vicedo para reivindicar que se dote á comarca de máis profesionais nos centros de saúde.
Dende o PSdeG denuncian que, no caso de Lourenzá, o servizo de pediatría préstase de xeito compartido cos concellos de Mondoñedo e Barreiros, correspondéndolle a Lourenzá consulta de pediatría un día á semana.
Así, esíxenlle á Xunta que "restableza integramente o servizo de pediatría, tanto en Lourenzá como no resto de localidades da comarca da Mariña, porque poder levar aos pequenos ao pediatra non é un privilexio, é un dereito básico”, sinalou a rexedora do concello laurentino, Rocío López.
No caso do Vicedo, encabezados pola voceira na localidade, María Pérez Santaballa, sinalan como “insostible” o que denominan “colapso técnico” desta localidade da Mariña. "As malas prácticas da Xunta en materia sanitaria son unha constante en toda a comarca e acusan ao PP de precarizar o sistema ao non cubrir baixas, vacacións, permisos ou xubilacións".
Os socialistas xa esixiron en numerosas ocasións no Pleno do Parlamento de Galicia solucións urxentes ante a falta de profesionais sanitarios e ao "desmantelamento da Atención Primaria que está padecendo dende hai anos a comarca da Mariña".
Lembraron que os problemas se multiplican en localidades como Lourenzá, Burela, Foz, A Pontenova, Alfoz, O Valadouro, Ribadeo, O Vicedo ou Viveiro, que sofren pola falta de persoal.
E, por último, defenden desde o PSdeG que "é posible apostar por un sistema sanitario que teña a consistencia suficiente para que aporte ao desenvolvemento do país, da man da investigación e a atención de calidade, sendo así unha oportunidade para fixar poboación moza e reter talento, dinamizando a economía do rural", e sinalan que para reverter a situación é fundamental cambiar o modelo de xestión.
O BNG apoia tamén estas mobilizacións
Candidatas e candidatos do BNG da Mariña ás vindeiras eleccións galegas participaron tamén destas concentracións en favor dunha sanidade de calidade.
Así, é o caso de Iria Cotelo e Miguel Gómez, que asistiron á concentración do Centro de Saúde vicedense, mentres que en Lourenzá estivo o canditado nº 2 pola circunscrición de Lugo, Daniel Castro, Eloi Cabanas, Vanesa Gómez Lourido, Sandra Cillero, o deputado provincial Daniel García, a alcaldesa de Barreiros e vicepresidenta da Mancomunidade da Mariña, Ana Ermida; o tentente alcalde de Burela, Mario Pillado e o responsable comarcal do BNG Antonio Veiga, entre outros.
Daniel Castro afirmou que “o caos ao que someten desde o PP á sanidade pública e especialmente á atención primaria e a servizo tan importantes coma o de pediatría cos graves problema que eso lle causa á poboacion, é algo intolerable, por eso debemos seguir mobilizándonos, como o vén facendo xa a veciñanza da mariña nos últimos meses diante de prácticamente todos os centros de saúde".