O PSOE do Vicedo critica a inacción do alcalde e lanza preguntas á súa xestión

AMariñaXa
A agrupación municipal denuncia as promesas incumpridas do alcalde e cuestiona o seu traballo por parte dos veciños
vicedo-desperfectos-queixas-psoe
19 Feb 2025

A agrupación municipal do PSOE do Vicedo, respondeu á acusación do alcalde do municipio de que os socialistas "mentiron aos veciños". Segundo os socialistas, deixou claro que "nós non mentimos, nós so traballamos por e para os nosos veciños do Vicedo e criticou a xestión do alcalde por non cumprir as súas promesas.

Os socialistas cuestionaron de forma pública ao alcalde sobre varios asuntos pendentes que, segundo eles, foron obviados durante anos. Un dos puntos que subliñaron foi a apertura do centro de día, que leva moitos anos sen materializarse a pesar de ser unha promesa recorrente en cada programa electoral. Tamén mencionaron o caso do Fuciño do Porco, que leva dous anos pechado, e lamentaron que, a pesar de falar constantemente da súa reapertura, a realidade é que a súa apertura parece case imposible.

En canto á sanidade pública, o grupo municipal socialista sinalou que os veciños levan máis dun ano manifestándose por falta de médicos, un problema que segue sen resolver. Tamén fixo referencia ao mal estado das instalacións deportivas e centros sociais, como o campo de fútbol, o pavillón deportivo, a pista de pádel e o local social de San Román do Val, que, segundo eles, están en malas condicións e necesitan melloras urxentes.

Así mesmo, criticaron tamén a falta de acción coa obra do peirao, advertindo que a situación empeora cada día e que se precisa unha intervención inmediata para evitar posibles accidentes. A situación das estradas municipais tamén foi outro dos puntos tratados, cuestionando a inacción do goberno local ante o mal estado no que se atopan.

Outro dos temas destacados foi o da bandeira azul, que, segundo a voceira, se concede cada ano, pero sen contar cun servizo de socorrismo, o que impide que a bandeira se poida ondear realmente. Tamén mencionaron que se saíron axudas para contratar socorristas, pero que finalmente non se fixeron os esforzos necesarios para cubrilos por cuestións económicas.

Para finalizar, lembraron ao alcalde que el tamén foi deputado provincial durante moitos anos e pediu que deixase de "rir dos veciños", facendo fincapé en que xa é hora de que se poña a traballar para resolver os problemas reais do municipio.

 

⚙ Configurar cookies
0.13756799697876