“O PSOE é a columna vertebral da acción política na provincia”

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
José Tomé Roca, presidente da Deputación, que vén de ser reelixido secretario xeral do partido cunha ampla maioría fala dos retos de futuro
JOSE-TOME-ROCA-PRESIDENTE-DEPUTACION-1
1 Jun 2025

Acaba de ser renovado na presidencia do partido. Cales son os seus principais obxectivos?

Sempre que hai un congreso renóvase e, polo tanto, é como un mandato novo. Teño por diante outros catro anos. Presenteime a estas primarias con todas as ganas, toda a ilusión e toda a forza da que son capaz e o que quero, o meu obxectivo principal, é fortalecer o partido con este mandato, sobre todo as agrupacións máis pequenas e que teñen máis dificultades. Loxicamente, o obxectivo final é saír reforzados de cara ás próximas eleccións municipais, conservar as alcaldías que temos neste momento e conseguir algunha máis. Sinceramente, neste momento creo que hai razóns obxectivas que nos permiten pensar que iso pode ser posible. Por outra banda, evidentemente, tamén debemos idear o Goberno Provincial na Deputación para poder seguir xestionando os recursos que benefician á totalidade dos concellos con criterios obxectivos. Antes, cando gobernaba o Partido Popular, isto non se facía, e tampouco se fai hoxe na Xunta de Galicia. Nós repartimos os fondos con criterios obxectivos, que son coñecidos por todos e que son iguais para todos. A axuda da Deputación mantén vivos a moitos concellos. A través do Plan Único da Deputación saben que van ter un diñeiro que oscila entre case 200.000 euros para o concello máis pequeno, que é Negueira de Muñiz, con 225 habitantes, e os concellos máis grandes, como Lugo, Monforte ou Viveiro, que reciben ata 600.000 euros aproximadamente. Os demais están entre os 300.000 e 400.000 euros aproximadamente. Pero, sobre todo para os concellos pequenos, esas axudas supoñen moito.

“O acordo co BNG funciona e dá estabilidade porque está baseado no respecto”

Antes falábase moito de que a Deputación era “inoperante”. Este discurso xa se freou, supoño que porque a Deputación cobrou moita máis relevancia nos últimos anos.

Sen dúbida, porque cada vez prestamos máis servizos aos concellos. Hai moitos que, se non fora pola Deputación, non poderían funcionar, porque non son capaces de cobrar os seus propios impostos. Hai que facerlles informes para contratar case todo. Moitas veces damos apoio aos secretarios para celebrar plenos, á intervención para pechar as contas... Xa sei que iso non se ve, pero a cantidade de apoio a través de cooperación cos concellos é inmensa. Polo tanto, a Deputación é básica e, se non queremos chamarlle Deputación, temos que chamarlle doutra maneira, pero ten que haber un ente que estea por riba dos concellos que lles preste apoio, polo menos mentres teñamos o nivel de concellos que temos. En Italia e Francia, por exemplo, agrupáronos. Aquí hai algún exemplo moi pequeno, como Oza-Cesures ou Cerdedo-Cotobade, pero non é o común. Mentres esta sexa a situación, con moitos concellos de moi pouca poboación, ten que haber unha entidade que faga certas funcións. Ademais, facemos moitas outras cousas, polo menos aquí en Lugo. Por exemplo, a cooperación que se fai desde esta institución, aquí en Lugo, coa Universidade, tanto coa USC (Campus Terra) como coa UNED é tremenda. E a cooperación cos sectores primarios, exactamente igual. Temos convenios con todo o tecido empresarial, comercial, asociativo e produtivo. A Deputación é unha institución útil e ben valorada polos profesionais, dende o meu punto de vista.

Nestes seis anos, hai algún proxecto do que se sinta especialmente orgulloso?

Si, hai varias cousas. Eu creo que, primeiro, cando cheguei á presidencia, esta casa atravesaba momentos institucionais difíciles. Conseguimos normalizar todo iso. Hoxe, se a Deputación é nova, é polo que é capaz de facer ou non, por debates políticos, polos plenos… pero non porque non sexa un ente estable, ben organizado e que funcione. Iso parece un tema menor, pero non o é. Logo, sen dúbida ningunha, o tema da mobilidade na provincia. Estamos facendo os maiores investimentos que nunca se fixeron. Pódese criticar que haxa fochancas non sei onde, hainas e sempre as haberá. Na Xunta, no Estado, en todas partes. Pero o maior nivel de investimento que se fixo na provincia desde a Deputación foi nestes anos. Este ano é o récord, con 27 millóns de euros entre conservación e obra nova. Destínase preto dun terzo do orzamento a iso. A cooperación que estamos tendo agora mesmo coa USC, tampouco nunca se dera. Unha das cousas que xa estaba feita, pero sen poñer en marcha, era a Granxa de Leite, onde fan prácticas os alumnos de Veterinaria e de Enxeñería Agrónoma, nun laboratorio vivo, nunha granxa viva. Agora tamén temos en marcha outra cousa, da que estou especialmente satisfeito: unha granxa de porco celta, para a recuperación da raza autóctona galega, que ten moitísima demanda e non tanta oferta. Así, axudamos tanto a Asoprocel como á USC. De feito, unha das razóns polas que o Campus Terra obtivo a aprobación na inspección da Unión Europea foi precisamente pola Granxa de Leite e a de Porco Celta. Despois hai tamén outro proxecto moi relacionado co ecoturismo que é o Parque Central de Galicia. Temos o centro xeográfico de Galicia, segundo o Instituto Xeográfico Nacional, no Concello de Antas de Ulla, en Nogallás. Neste momento o parque ten xa 4 hectáreas de extensión. Vai haber edificios para actividades formativas de todo tipo, incluso para que xoguen os nenos. Tamén haberá un monólito coas coordenadas para que a xente poida facerse fotos. Por certo, nesas parcelas había eucaliptos, que quitamos, fixemos unha selección dos mellores carballos que había. Pero como todo, cando fas unha obra nova, o día que a acabas non é cando máis bonita está. É ao cabo dun par de anos, cando medran as árbores, o céspede… creo que vai ser un atractivo turístico para a nosa provincia.

E sobre turismo?

A isto hai que sumar os catamaráns, as rutas que temos, os consorcios de turismo da Mariña e a Ribeira Sacra, o tema das rutas do románico… temos moitas actividades en marcha. O programa “Coñece a túa provincia”, por exemplo, que antes non se facía, ten unha enorme demanda. Todas estas cousas creo que son moi importantes. E logo, o tema das residencias é fundamental para nós, no que respecta ao benestar social. Cando cheguei á Deputación, é certo que había algunhas en construción, pero había tres en marcha, creo lembrar. Hoxe hai nove en funcionamento, outras catro en construción, que son Becerreá, Guitiriz, A Pontenova e A Pobra do Brollón, e hai outras cinco en trámite para saír adiante. Son cuestións coas que, evidentemente, temos un compromiso firme. Tamén, por suposto, traballamos nos sectores primarios. Estamos coa raza rubia galega, conservamos a cachena, temos o tema do cabalo galego, seguimos tamén coa granxa de recría de xovencas... En fin, eu creo que o traballo que está facendo a Deputación é diverso, útil e, sobre todo, moi centrado no tecido produtivo.

Falaba da estabilidade que se conseguiu na Deputación. Supoño que este “matrimonio” tranquilo e sereno co BNG é parte diso?

Sen dúbida. Eu creo que está baseado no respecto. A min gústame que, se se chega a un acordo, ese acordo sexa respectado e cumprido. Temos un acordo de goberno onde cada quen ten as súas responsabilidades, e ti non te metes nas dos demais, e os demais tampouco se meten nas túas. Evidentemente, iso axuda moito, e é un tema que eu quero levar estritamente. Temos isto pactado e hai que cumprilo. Creo que o mandato anterior funcionou de marabilla, foi un exemplo para todo o mundo de como pode funcionar un goberno de coalición. E neste momento segue igual. Levamos seis anos así, como ti dis, é un “matrimonio doce”, e penso que imos rematar así o mandato. Logo, Deus dirá. Agardamos seguir gobernando a Deputación Provincial de Lugo e xa veremos a que acordos chegamos.

Nos últimos tempos, o PSOE sufriu moitos cambios. Besteiro a nivel galego, aquí en Lugo finou á alcaldesa, a elección de Miguel, as primarias… Como se vive tanto movemento?

O PSOE é un partido histórico, con máis de 140 anos de historia, e ten unha bagaxe tremendo ás costas. Somos un partido serio, rigoroso, de goberno, e somos a columna vertebral neste momento da acción política na provincia de Lugo, sen ningunha dúbida. Hoxe os concellos máis grandes da provincia, a excepción de Viveiro pola moción de censura, están gobernados polo PSOE, igual que a Deputación. Eu procuro seguir eses pasos. Levo xa certa experiencia en política, no Parlamento, no Concello, na Deputación e noutros ámbitos, e sempre tiven a mesma forma de traballar: con rigor e seriedade. Podes caer máis simpático ou menos, pero o que ninguén pode dicir é que non traballas, que non intentas axudar e poñer solucións enriba da mesa. Sexan mellores ou peores, iso é o relevante para min. Nas últimas primarias, en números redondos tiven o 60% de apoio dos militantes. Logo, no Congreso, chegou ao 83%. En fin, se houbese outras primarias, creo que serían distintas, pero foi o que foi. En todo caso, agradezo a todos os que votaron, tanto a uns como a outros, porque iso é democracia. Dicimos que non estamos preparados para as primarias, pero si que o estamos. Mira como votaron os afiliados e non pasa nada. E cando hai primarias nos Estados Unidos, alí son normais, e aquí non? Temos que ser capaces de competir un día e, ao día seguinte, unha vez que falaron os afiliados, cada quen ten as súas opcións.

Cales son os obxectivos a longo prazo? Ten pensado seguir medrando a nivel político?

Non. Teño todas as miñas aspiracións políticas cumpridas. Tiven a sorte de ser deputado, coñezo o parlamento galego. Ademais, vivino nas dúas etapas: unha de goberno, con Emilio Pérez Touriño, e outra de oposición, con Feijóo. Tamén tiven ocasión de estar no Concello tanto na oposición como no goberno, e na Deputación, sempre gobernando. Para min, todas as aspiracións están cumpridas. É certo que, como dixen no Congreso, gustaríame que un lucense como Besteiro fose presidente da Xunta. O obxectivo principal para nós son as eleccións municipais de 2027 e, por suposto, tamén a Deputación. Pero desde o traballo que fagamos aquí na provincia, queremos ser un punto de apoio e obter bos resultados en Galicia. Será necesario facelo en coalición, porque o voto da esquerda está fragmentado entre o BNG e o PSOE, non se prevén maiorías absolutas. O importante é sumar entre o PSOE e o Bloque para volver gobernar Galicia. O bipartito de Touriño foi moi bo, na miña opinión. Tiveron pouco tempo para desenvolver o proxecto. Aínda hoxe, despois de 16 anos, critícase desde a Xunta aquel bipartito, iso quere dicir que algo bo se fixo. Despois de tantos anos de goberno do PP, fai falta un cambio, un aire novo na política en Galicia. Todos os gobernos necesitan renovación. Incluso se o PSOE levase tantos anos gobernando, igual tamén lle viría ben algo de aire fresco. Creo que a Galicia lle fai falta esa transición.

“O maior nivel de investimento que se fixo na provincia desde a Deputación foi nestes anos”

Como se combina a presidencia da Deputación coa Alcaldía?

Ben, o importante é organizarse e ter un bo equipo, tanto no Concello como na Deputación, para poder delegar. No Concello, ningún alcalde antes ca min conseguiu tanta inversión para Monforte. Iso dícenmo os propios exalcaldes. Hai moito traballo detrás, con administracións da Xunta, do Estado, da Confederación. Algunha axuda tamén da Deputación, como ao resto dos concellos. Hai inversións en Monforte que levaron anos de negociación, como a supresión de pasos a nivel, que levou cinco anos de traballo.

Ou a nova depuradora do Polígono Industrial, que dará servizo durante décadas, incluso se o polígono duplica o seu tamaño vai haber capacidade. Son proxectos que permiten que unha cidade medre e a súa economía mellore. Agora, nos tres ou catro últimos anos hai unha tendencia de crecemento que parece continuar, e iso é porque se están desenvolvendo proxectos e inversións que xeran actividade económica e atraen a xente que se empadroa. Na Deputación tamén é visible o traballo que se fai, e teño que agradecer aos compañeiros e compañeiras que me axudan. Sempre poño un exemplo extravagante: se Jacques Chirac puido ser alcalde de París e primeiro ministro de Francia ao mesmo tempo, pois eu tamén podo.

Agora supoño que toca traballar para as eleccións

Si, máis ou menos en ano e medio temos que ter as listas, porque as eleccións son o 23 de maio de 2027. Nós temos unha gran vantaxe neste sentido, e é que temos equipos moi bos nos concellos. Gobernamos moitos deles, o 60% da poboación da provincia está en mans do PSOE. Nalgún concello pode haber dificultades, pero en xeral temos bo traballo feito. Nalgúns sitios haberá que reforzar algo, pero en xeral estamos ben.

Como se atopa a relación coa Xunta?

Ben, de feito, mellorou algo co cambio de Feijóo a Rueda. Non hai cor. Hai máis capacidade de escoitar, pero aínda así anuncian moito e fan pouco. Polo momento, as grandes débedas coa provincia de Lugo seguen sen saldarse. Din que van desbloquear a variante de Viveiro, pero iso o que quere dicir é que estaba bloqueada. Por outro lado, a Ronda Este tamén ía facerse antes das municipais, pero non tiñan proxecto nin expropiacións, nin nada. Era unha gran mentira. Dicían que había 6 millóns de euros, pero nada. De feito, nós lle demos a solución a Rueda para ese proxecto, porque se pode facer sen tocar o río Rato, sen tocar a ponte e sen tocar a Carballeira. É dicir, cun impacto mínimo comparado co que eles propoñían. Tamén está pendente a conexión coa A6 na Gándara, é vital. Tampouco cumpren cos museos, cando se pactou o Museo da Romanización, pactouse un museo por provincia. Os outros tres están feitos. Todos menos o de Lugo. Por outro lado, a vía principal da provincia entre Lugo, Sarria e Monforte, que é a que ten máis poboación, segue sen desdobrarse. Tamén está pendente o porto seco de Monforte, que foi Feijóo a inauguralo, pero aquilo ao final está inacabado, non dá servizo a empresas. É dicir, hai moitas débedas da Xunta con Lugo: servizos sociais, residencias... Levan máis de 15 anos sen facer unha residencia en Lugo. A de Amancio Ortega foi doada, non feita por eles. Son malos executores do orzamento, incluso co IGAPE, só gastan a metade do orzamento que teñen. O resto irá para amortizar débeda ou para o que sexa pero non para o tecido galego.

E co Goberno central?

Eu creo que, para a provincia de Lugo, é unha sorte ter este Goberno. España nunca estivera tan ben economicamente. Nunca houbo tanta afiliación á Seguridade Social, sobre todo de mulleres. Hai máis de 21 millóns de afiliados, por iso o PP nunca fala de se o PSOE é o partido do paro, porque ese é o seu. Foron eles os que precarizaron o traballo coas súas reformas. Este goberno está a recuperar o tempo perdido. Cando Ana Pastor foi ministra, por poñer un exemplo, rompeu o contrato da Intermodal de Lugo, eliminou máis de cen quilómetros de vía única entre Zamora e Ourense, deixou caducar as variantes de Canaval e Rubián… Cando chegou Pedro Sánchez, non había un só quilómetro de vía en obras. Agora hai case 600 millóns de euros investidos na provincia de Lugo. En canto ao tema da alta velocidade, vaise chegar de Lugo a Madrid no mesmo tempo que se tarda en chegar de Madrid a Vigo ou á Coruña, por moito que intenten negalo. Obviamente, as obras están sen rematar e van tardar polo menos un par de anos, pero vai chegar.

EN CLAVE PERSOAL

Idade: 66
Estado civil: Casado
Fillos: 2
Lugar de nacemento: Guitiriz, na aldea o Ombral, en Mariz.

Cando foi para Monforte?
Cando vin traballar. Fixen Agrícolas na Escola Politécnica, que daquela era a Escola de Peritos. Despois traballei na Escola de Especialización Agraria como profesor de tecnoloxía agraria.

Deixou o traballo pola política?

Non, primeiro fun á executiva galega da UGT Galicia como responsable de formación e emprego con Suso Mosquera e aí tiven unha liberación sindical, como se adoita dicir. Aí estiven cinco anos, do 98 ao 2003. Despois, en 2003, presenteime ás municipais por primeira vez e gobernamos en coalición co BNG. De 2005 a 2011 fun ao Parlamento de Galicia. Deixeino voluntariamente, por un tema que había con Pachi Vázquez. Logo voltei ao meu posto de traballo ata 2015, cando gañamos as eleccións en Monforte. E ata hoxe.

Toca xubilarse da parte profesional?

Ben, estou en excedencia. Eu creo que non vou volver.

Que pensa facer cando se xubile?

De momento non o teño pensado porque aínda non sei cando me vou xubilar, pero supoño que terei cousas que facer.

Que lle gusta facer cando non traballa?

Gústame moito todo o relacionado coa agricultura. Hortas, produción de plantas, apicultura… De feito, teño unha viña pequena, pero agora mesmo non teño tempo para coidala. Eu non son de estar sentado, necesito estar activo sempre.

Ser socialista nácese ou faise?

Eu creo que se fai. Claro que cada un nace cunha sensibilidade, pero ser socialista eu creo que é unha das mellores cousas desde o punto de vista ideolóxico que che pode pasar. Moita xente, igual que cando se fala de política, non temos clara a definición das cousas. Para min, ser socialista é ter unha sensibilidade social e axudar aos demais. Eu sempre digo que o mellor programa social que existiu e que nunca tivo ningún partido é a Biblia. Ao final, o que dicía Xesucristo era que quería repartir riqueza, axudar aos enfermos, aos pobres… E iso é un programa social. A outros gústalles acumular riquezas… eu creo que a riqueza debe estar repartida. Sempre vai haber alguén que destaque e algún que quede descolgado, pero o importante é que a gran maioría das persoas estean ben. Ese é o obxectivo. A política é ocuparse das cousas públicas.

Cambiaría algo da súa vida?

Non, agora mesmo non cambiaría nada. Seguramente, se me poño a pensar e a analizalo finamente si cambiaría algunha cousa, pero en termos xerais estou moi satisfeito coa vida que tiven e que teño.

Arrepíntese de algo?

Conscientemente non, porque nunca lle fixen dano a ninguén conscientemente. Inconscientemente, como todo o mundo, puiden equivocarme algunha vez e que alguén o pasase mal pola miña culpa. Pero conscientemente non teño a sensación de ter feito ese dano.

De que se sente máis orgulloso?

Dos meus fillos e dos meus netos, sen ningunha dúbida. Desde que son avó non me aburro. Teño pouco tempo para estar con eles, pero o que podo gústame desfrutalo con eles.

Algo que desexe?

Saúde. É o primeiro. Pero a nivel xeral, tamén me gustaría que houbese un mellor reparto da riqueza e que rematasen as matanzas e as guerras. Hai cousas que non se xustifican. O que ocorre en Gaza e Ucraína, e noutros moitos lugares dos que non se fala, ten que rematar xa.

⚙ Configurar cookies
0.085458040237427