O PSOE do Vicedo reclamará a mellora da sinalización en todas as parroquias

O PSdeG-PSOE do Vicedo levará ao próximo pleno municipal, previsto para o vindeiro 25 de marzo, unha moción coa que pretende reclamar a mellora e ampliación da sinalización en todas as parroquias do concello, unha demanda reiterada pola veciñanza durante os últimos anos.
Desde a agrupación socialista lembran que, tras moito tempo agardando por actuacións neste ámbito, existen numerosas zonas nas parroquias —entre elas Negradas, Mosende, Cabanas, Riobarba, San Román ou Suegos— nas que a sinalización é insuficiente ou incluso inexistente, dificultando a localización de lugares e vivendas.
Segundo os socialistas, esta situación non só afecta á vida diaria da veciñanza, senón que tamén supón un problema relevante para servizos esenciais como ambulancias, reparto de Correos ou atención de emerxencias, ademais de prexudicar a imaxe do municipio de cara a visitantes.
A moción propón que o Concello impulse un plan completo de sinalización que permita identificar correctamente todos os núcleos de poboación e lugares das parroquias, garantindo así unha mellor organización do territorio e unha maior seguridade.
Os socialistas subliñan que “o Vicedo non pode seguir esperando máis tempo por algo tan básico”, e insisten en que esta actuación é necesaria tanto para facilitar o día a día da veciñanza como para avanzar na modernización e posta en valor do municipio.
O grupo municipal reafirma finalmente o seu compromiso de seguir trasladando ao pleno as demandas reais da cidadanía, traballando con responsabilidade para mellorar os servizos e a calidade de vida no conxunto das parroquias.