O PSdG de O Vicedo propón a creación dun portal de emprego municipal para impulsar a inserción laboral

AMariñaXa
Verónica Canoura presenta unha moción que busca mellorar as oportunidades laborais da veciñanza mediante unha bolsa local de traballo e formación continua
Verónica Canoura Paz PSOE vicedo
6 May 2025

O grupo municipal socialista do Concello de O Vicedo, a través da súa voceira Verónica Canoura Paz, vén de presentar unha moción na que propón a creación dun portal de emprego municipal. A iniciativa pretende dar resposta aos desafíos laborais que afronta a veciñanza, con especial atención á mocidade e ás persoas desempregadas de longa duración.

A proposta inclúe a posta en marcha dunha bolsa de emprego xestionada polo departamento de Recursos Humanos ou pola oficina de emprego municipal, na que se recollan os perfís profesionais dos veciños e veciñas en función da súa formación, experiencia e habilidades.

Canoura defende que “a través desta ferramenta poderemos conectar de maneira máis áxil e efectiva a oferta e a demanda laboral no noso concello, fomentando a contratación de persoas da zona e impulsando a economía local”.

A moción contempla tamén que esta bolsa sexa de acceso público para todos os empadroados en O Vicedo, priorizando ás persoas sen emprego. As candidaturas deberán incluír un currículo actualizado e unha carta de motivación. Ademais, o proceso de selección de candidatos será transparente e baseado nos méritos e nas competencias esixidas.

Outro dos piares da proposta é a colaboración activa co tecido empresarial local, para canalizar as ofertas de emprego existentes a través deste novo portal. Igualmente, prevese un plan de formación e reciclaxe profesional, que inclúa cursos, talleres e prácticas laborais adaptadas ás necesidades do mercado de traballo da zona.

Desde o PSdeG consideran que este proxecto podería converterse nun motor clave para dinamizar o emprego e fixar poboación no municipio.

⚙ Configurar cookies
0.15528106689453