O PSOE do Vicedo esixe á Xunta investimentos reais para 2026 tras quedar de novo fóra das contas

AMariñaXa
Denuncia un “abandono reiterado” e pide incluir melloras viarias, saneamento, o centro de día, o porto e a VAC da Mariña
PSOE-O-Vicedo-2025
17 Nov 2025

O Grupo Municipal Socialista do Vicedo deu un novo paso na súa reclamación de maior atención por parte da Xunta ao presentar unha moción que insta ao Goberno galego a incorporar nos orzamentos de 2026 as actuacións que o concello necesita e que, segundo denuncian, volven quedar fóra das contas autonómicas.

A agrupación lembra que esta denuncia non é recente, senón que forma parte dun problema que cualifican de “abandono evidente e continuado”, repetido ano tras ano. “O Vicedo segue completamente excluído de calquera investimento significativo, mentres outros municipios reciben partidas para proxectos fundamentais”, sinalan.

A moción recolle unha listaxe de actuacións que o PSdeG considera prioritarias. Entre elas, figura a mellora integral da estrada LU-862, un dos puntos máis destacados do documento. Os socialistas aseguran que o estado da vía é “moi deficiente” no tramo que conecta o municipio co límite provincial, a pesar de que nos concellos veciños xa foi acondicionada. “É unha actuación imprescindible e continúa sen resposta,” recalcan.

Tamén reclaman investimentos en saneamento e abastecemento, dous ámbitos que presentan carencias importantes en varias parroquias. Lembran que se trata de servizos esenciais e denuncian que esta falta de modernización contradí os discursos sobre equilibrio territorial e loita contra o despoboamento. “Sen unha rede actualizada, O Vicedo asume consecuencias ambientais, sanitarias e urbanísticas que limitan o seu crecemento,” apuntan.

Outro dos aspectos que consideran urxente é o impulso económico para poñer en marcha o centro de día, unha infraestrutura lista pero aínda sen abrir. Para o PSdeG, “non se pode falar de políticas sociais solventes mentres se mantén bloqueada unha instalación básica para unha poboación altamente envellecida”.

A moción dedica tamén un apartado destacado ao porto do Vicedo, que precisa dunha reforma integral de competencia autonómica para garantir a seguridade e potenciar o seu uso pesqueiro e turístico. Os socialistas lamentan que “un porto estratéxico continúe fóra de calquera plan realista de mellora”.

Finalmente, reclaman que o municipio sexa incluído na planificación da Vía de Alta Capacidade (VAC) da Mariña, un proxecto do que O Vicedo quedou excluído. Para o PSdeG, esta decisión “condena o concello a unha posición periférica no mapa das comunicacións da provincia” e limita as súas posibilidades de desenvolvemento. “Sen boas conexións non hai futuro posible”, remarcan.

A moción solicita que estas demandas se trasladen á Presidencia da Xunta, ás consellerías correspondentes e aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia.

Desde o PSdeG-PSOE conclúen con firmeza: “O Vicedo merece máis. O Vicedo tamén é Galicia e ten dereito a recibir os investimentos que lle corresponden. Isto non é un xesto simbólico, é unha cuestión de dignidade colectiva. O noso concello leva demasiado tempo agardando polo que é seu, e continuaremos reclamándoo ata que a Xunta asuma as súas responsabilidades”.

⚙ Configurar cookies
0.069792985916138