O PSOE di que o "PP castiga á Mariña e que Besteiro daralle o impulso que necesita”

Foz
AMariñaXa
A número tres da candidatura socialista pola provincia de Lugo ás eleccións autonómicas, Mayra García Bermúdez, mantivo un encontro en Foz no que participaron alcaldes, alcaldesas e voceiros e voceiras municipais da Mariña na que fixeron un repaso sobre a falta de investimentos da Xunta de Galicia na Mariña.
Mayra Garcia bermudez m aio 2023 2
23 Xan 2024

A número tres da candidatura socialista pola provincia de Lugo ás eleccións autonómicas, Mayra García Bermúdez, mantivo un encontro en Foz no que participaron alcaldes, alcaldesas e voceiros e voceiras municipais da Mariña na que fixeron un repaso sobre a falta de investimentos da Xunta de Galicia na Mariña.

García Bermúdez evidenciou “o abandono e castigo” que amosan as contas da Xunta para A Mariña, con “partidas que no mellor dos casos, son insuficientes e que en numerosas ocasións non chegan a executarse”. Todas as emendas que presentou o PSdeG no Parlamento aos orzamentos foron rexeitadas polo PP, polo que apuntou que será agora cando “terán que explicarlle aos veciños e veciñas da comarca porqué non apostan de xeito decidido pola VAC Costa Norte, por exemplo, porqué tampouco queren poñer en marcha as novas EDAR de Foz e de Burela, porqué non queren mellorar a cuberta do colexio de Trabada, porqué non queren mellorar o acceso ao IES de Alfoz-Valadouro ou porqué non queren que os veciños de Trabada e de Foz dispoñan dun auditorio”, dixo, ao tempo que indicou que “terán que explicarlles a todas e todos os mariñáns porqué sempre se posicionan en contra dos intereses da nosa comarca”.

“O PP deixou tirada á Mariña. Nestes case 15 anos, nin Feijóo nin Rueda moveron un dedo pola Vía de Alta Capacidade Costa Norte de Ferrol a San Cibrao. Non fixeron nin un metro máis dos que deixou licitado o Goberno de Pérez Touriño”. Así o manifestou García Bermúdez no encontro, onde avanzou que será o candidato socialista á presidencia  da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, quen execute as obras desta vía estratéxica para a mobilidade e o desenvolvemento da comarca mariñá e lle dará á Mariña o impulso do que o PP nos leva privando dende hai 15 anos”.

“Recuperaremos o tempo perdido, e faremos o que non fixeron nin Feijóo, nin Rueda durante estes anos, nos que puxeron en pausa esta infraestrutura clave, como tantas outras en toda a provincia de Lugo e en toda Galicia”, apuntou Mayra García, quen dixo que “os socialistas darémoslle solución, como facemos sempre, arranxar os problemas e impulsar os investimentos para avanzar”.

“As infraestruturas e a mobilidade son elementos de competitividade estratéxicos para calquera territorio e a día de hoxe lastran o crecemento da nosa comarca”, afirmou a socialista.

Falta de compromiso e traizón á Mariña

Neste encontro fíxose un repaso tamén da situación actual da comarca, cada vez máis desindustrializada pola falta de compromiso da Xunta de Galicia, non só no que se refire a infraestruturas senón tamén a que o goberno galego non asume as súas competencias e non aposta polo futuro da Mariña nin de Galicia.

“Chega con recordar como actuou o PP ante o peche de Vestas e Albo, poñéndose de perfil a pesar de que A Xunta ten as competencias en política industrial, pero a súa única política é a inacción”, afirmou. Así mesmo, os socialistas afirman que o PP traizoan á Mariña cando Feijóo anuncia “que Altri se instalará na Mariña, cando hai un acordo do Parlamento de Galicia para que preferiblemente se establecera aquí porque aquí producimos o eucalipto, e polo tanto aquí temos a materia prima”.

Tamén asegurou que agora mesmo a comarca volve estar nun momento difícil. Expuxo que hoxe mesmo a Secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró mantivo unha reunión co comité de empresa e convocou para o próximo venres unha nova reunión da comisión de seguimento de Alcoa. “A Secretaria de Estado manifestou o firme compromiso do Goberno de España para traballar pola industria do aluminio en Galicia e para unha empresa estratéxica como é Alcoa, e así llo quixo transmitir a todos os traballadores e traballadoras”, apunto a candidata.

Nas súas palabras foi firme ao manifestar que a situación de Alcoa “preocúpanos a todos pero a diferencia do PP da Xunta de Galicia temos un Goberno en España que afronta os problemas e que intenta buscar solucións para garantir os postos de traballo dos traballadores e traballadoras”.

“O PP está lastrando o potencial, as oportunidades e a capacidade de crecemento social e económico da Mariña”, subliñou.

O cambio virá con Besteiro

A socialista incidiu en que “cada día está máis cerca o cambio político que necesita Galicia, cun Goberno encabezado por Besteiro, “con liderado, con impulso e cun proxecto para mellorar a vida dos galegos e galegas centrado na recuperación dos servizos públicos, na reindustrialización baseada na economía verde e en completar o mapa das infraestruturas”.

“A Mariña ten moitas posibilidades, pero moitas delas adormecidas por quen está na Xunta”, concluíu.

0.18623781204224