O PSOE denunciou en Burela a precariedade que sofre a sanidade na Mariña

AMariñaXa
A alcaldesa de Burela e deputada provincial, Carmela López, pola súa banda, denunciou que no Centro de Saúde de Burela “temos días de só dous médicos"
PSOE-denuncia-a-situación-sanitaria-na-Mariña
18 Xul 2024

O secretario xeral do PSdeG na provincia e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, denunciou en Burela a precariedade que sofre a sanidade na Mariña en plenos meses de verán.

Alertou desta situación diante do Centro de Saúde burelés xunto á secretaria de Organización Adxunta do PSdeG, Ana Pena, a alcaldesa de Burela e deputada provincial, Carmela López, membros da executiva provincial, alcaldes e alcaldesas e voceiros e voceiras socialistas na comarca.

Tomé Roca expuxo que na comarca hai 9 vacantes de médicos de familia sen cubrir, ao que hai que sumar que tampouco se están cubrindo as baixas nin as vacacións dos facultativos.

“É o que pasa en Barreiros, por exemplo, que se vai quedar cun médico só no mes de agosto, cando é precisamente nesta época da ano cando se triplica a poboación na localidade pola chega dos turistas”, explicou. Unha situación que se replica nos concellos de Viveiro, Foz, O Valadouro, Cervo ou O Vicedo.

Tamén alertou da falta de cardiólogo dende a xornada deste mércores no Hospital Público da Mariña, “algo realmente preocupante que pon en risco a saúde da xente. Lamentablemente non é un tema novo, dende o PSdeG levamos dende hai tempo urxindo unha solución aos problemas que atravesa a sanidade pública galega. Estamos no peor momento en anos. Necesitamos que alguén lle poña cabeza, eu onte mesmo reuníame con Alfonso Rueda e pedinlle unha estratexia para solucionar este problema porque as medidas que toman dende Xunta de Galicia nesta materia parecen improvisadas e van dando tumbos”, expuxo Tomé Roca.

Así mesmo, pide políticas sanitarias públicas, porque o que está pasando, explicou, é que o PP “está expulsando aos sanitarios da pública, que se ven na obriga de traballar na sanidade privada, e paralelamente, derivando aos pacientes a realizar probas diagnósticas e consultas á privada. Evidentemente esta non é sanidade pública que defendemos os socialistas para Galicia”.

Opinión compartida

A alcaldesa de Burela e deputada provincial, Carmela López, pola súa banda, denunciou que no Centro de Saúde de Burela “temos días de só dous médicos dos seis que deberíamos ter, non se están cubrindo nin vacacións nin baixas e hai peonadas polas tardes dúas veces á semana”.

Detallou que “os nosos veciños e visitantes teñen que esperar entre dúas semanas, ou incluso tres, para ter unha cita de atención primaria. Isto está saturando a nosa atención primaria. O que consideramos que hai que acabar con esa precariedade laboral e fomentar contratos de longa duración e non ofertar contratos dunha semana ou quince días que non atraen a profesionais”, subliña a alcadesa.

A secretaria de Organización Adxunta do PSdeG explicou que o Partido Socialista leva tempo denunciando as carencias no sistema sanitario e só “vemos como empeora a situación e se volve insostible. A situación que se está a vivir en Burela esténdese por todos os municipios da contorna, da provincia e de Galicia. Este caso súmase a outros como o de Castro de Rei, onde o centro de saúde pecha durante o verán, o de Vilalba onde os nenos e nenas son atendidos polos médicos de familia ou derivados ao HULA, ou o que acontece en Mondoñedo e Barreiros que se comparte o servizo de pediatría”, expuxo Ana Pena.

“Estamos á cola na atención sanitaria do país, con máis do 60% dos concellos sen servizo de pediatría”, subliñou a socialista.

Así mesmo, reiterou a petición dun plan de choque urxente, dotado cos recursos suficientes para corrixir esta xestión deficitaria e esta demora na atención sanitaria que estamos padecendo os galegos e as galegas. O Goberno do Estado vén de asinar unha partida de máis de 11M€ para o reforzo en Galicia da atención primaria, para unha competencia que é exclusiva da Xunta e para un servizo que é esencial para os galegos e galegas”, explicou Ana Pena.

0.20113205909729