O PSOE denuncia que a presidenta de Portos leva tres anos sen rematar a relación de postos de traballo

AMariñaXa
O PSOE denuncia que a presidenta de Portos leva tres anos sen rematar a relación de postos de traballo mentres provoca “gran conflitividade”
porto de burela
19 Apr 2023

A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, denunciou que a presidenta de Portos de Galicia leva tres anos adiando o proceso de elaboración da Relación de Postos de Traballo. Otero presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca na que alertou do “gran grao de conflitividade laboral” provocado pola dirección do ente.

Otero lembrou o informe do Consello de Contas, que alertaba da “inflación de postos directivos” do ente, que segundo os datos de 2019 conta cunha plantilla de 110 traballadores e traballadoras, dos que só 41 son celadores e gardapeiraos, o posto central para a xestión das 122 instalacións portuarias da súa competencia.

Explicou que esta figura é a encargada de supervisar, vixiar, velar polo cumprimento das tarefas da policía de Portos, o control de acceso de persoas e vehículos, a carga e descarga, o control a superficie, a seguridade, a pesaxe das básculas e o control da facturación das taxas portuarias. Advertiu que con apenas 41 celadores é imposible controlar os 122 portos, polo que o goberno galego comezou a esixir traslados, pero sen pagar o desprazamento.

Aludiu ao caso dos celadores gardapeiraos itinerantes, aos cales a xustiza lles recoñeceu o dereito a cobrar desprazamentos, e para eludir o cumprimento destas sentenzas e non pagar eses desprazamentos, Portos “sacou da chisteira os cadros de frecuencia, privando así a capacidade e autonomía que tiñan os itinerantes para supervisar os portos que teñen adscritos”.

Esta é só unha mostra dos problemas que teñen enrarecido o ambiente laboral, cunha xerencia que nega flexibilidade horaria, suprime o horario de verán, provoca agravios comparativos, modifica os horarios en avisar e non recoñece a antigüidade.

Acusou á presidenta de Portos de non facer nada para resolver a situación, máis alá de anunciar, en 2020, que comezaban co procedemento de elaboración da Relación de Postos de Traballo, que en abril de 2023 “aínda non é unha realidade”. Criticou que leven 3 anos de “reunións sen ningún tipo de vontade negociadora”, mentres lle botan a culpa aos traballadores do ente.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17909479141235