O PSOE de Xove reivindica melloras nas infraestruturas e nos servizos públicos do municipio

AMariñaXa
Os socialistas destacan a negociación do convenio das estradas e reclaman solucións á falta de médicos, socorristas e ao problema da auga turbia
Xove-Rogelia-Mariña-PSOE-mitin
3 Sep 2025

O grupo socialista de Xove fixo balance do seu traballo no Concello poñendo en valor os avances conseguidos nos últimos meses, especialmente no que atinxe ao convenio das estradas coa Deputación de Lugo. Segundo lembraron, cando accederon á Corporación xa existía un borrador que quedara paralizado durante anos e que establecía unha repartición ao 50% entre Concello e Deputación.

“Na campaña electoral comprometémonos a desbloquear esa situación e así o fixemos”, explicaron desde o PSOE local. Engadiron, ademais, que lograron mellorar o acordo inicial, conseguindo que a Deputación asumise o 60% do investimento, unha porcentaxe máis favorable para Xove.

Ademais das cuestións relacionadas coas infraestruturas viarias, os socialistas puxeron o foco noutras carencias que afectan á veciñanza. Entre elas, a falta de médicos no municipio, a auga turbia que sofren a maioría das parroquias e a ausencia de servizo de socorrismo durante o verán en praias como Portocelo ou Lago.

O grupo socialista asegurou que continuará traballando en todas aquelas cuestións que melloren a vida dos veciños e veciñas. “Non nos cansaremos de insistir ata ver avances reais en cada un destes problemas”, subliñaron.

⚙ Configurar cookies
0.16342306137085