O PSOE de Xove reclama melloras en accesibilidade e acondicionamento de espazos públicos

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Xove, a través da súa portavoz Rogelia Mariña, formulou no último pleno varias peticións urxentes para mellorar a accesibilidade e o estado dos espazos públicos no concello.
Entre as principais demandas, destaca a solicitude de instalar beirarrúas accesibles, con rebaixas axeitadas e pasos de peóns seguros, co obxectivo de garantir a mobilidade das persoas con capacidades limitadas. Os socialistas lembran que esta cuestión xa foi trasladada en anteriores ocasións ao goberno local, sen que ata o momento se executasen as obras necesarias.
Outra das propostas centrase na mellora dos accesos ás instalacións deportivas. Así, o PSOE pediu que se habiliten entradas adecuadas para cadeiras de rodas no campo de fútbol municipal. Segundo denunciaron, actualmente, as persoas usuarias de cadeiras de rodas teñen que ser baixadas polas escaleiras con moita dificultade cando se celebran partidos ou eventos, o que supón un risco e unha falta de accesibilidade evidente.
Así mesmo, reclamaron a creación dun acceso adaptado á pista de pádel e á zona anexa á piscina municipal, facilitando así a práctica deportiva a toda a cidadanía en condicións de igualdade.
Por outra banda, o grupo socialista tamén puxo o foco na situación do terreo anexo ao campo de fútbol, que describiron como "unha zona chea de escombros e restos de materiais", ofrecendo "unha imaxe lamentable que máis parece un vertedoiro incontrolado". Por este motivo, instaron ao goberno local a proceder á limpeza e adecuación inmediata deste espazo, non só por unha cuestión estética, senón tamén como unha medida de respecto ambiental.
Desde o PSOE de Xove insisten na necesidade de actuar canto antes para mellorar a calidade de vida da veciñanza e ofrecer uns espazos públicos accesibles, seguros e dignos para todos.