O PSOE de Xove reclama á Xunta cubrir con urxencia as vacantes médicas no centro de saúde

AMariñaXa
Os socialistas denuncian longas listas de espera e critican a redución progresiva da atención pediátrica
Xove-Rogelia-Mariña-PSOE-mitin
31 May 2025

O Grupo Municipal Socialista de Xove levará ao vindeiro pleno municipal un rogo para instar ao Goberno local do Partido Popular a que solicite formalmente á Xunta de Galicia a cobertura inmediata das prazas médicas vacantes por xubilación no centro de saúde do municipio.

Segundo explican desde o grupo socialista, “a día de hoxe só contamos cunha médica para atender a unha poboación de arredor de 3.500 habitantes, cun centro xeriátrico ao carón e unha pirámide demográfica moi envellecida”. Critican que a Xunta non teña establecido ningunha previsión de substitución tras a xubilación dunha das profesionais, “o que deixa ao centro nunha situación insostible”.

Lembran ademais que “hai poucos anos Xove tiña tres médicos de atención primaria; a terceira praza non se cubriu cando quedou vacante, e agora repítese o mesmo coa segunda”. Esta carencia provocou que “haxa listas de espera de ata un mes para conseguir cita, o que consideramos totalmente inaceptable”.

Os socialistas tamén puxeron o foco na precarización do servizo de Pediatría, reducido a tres días por semana e só ata as 10:00 horas da mañá. “Despois o Goberno local e a Xunta quéixanse da baixa natalidade, pero con esta atención sanitaria non é de estrañar”, sinalan.

Por todo isto, o PSOE de Xove solicitará no pleno que se reclame á Xunta cubrir de inmediato as prazas vacantes e que se amplíe o servizo de Pediatría a todos os días da semana cunha xornada completa.

⚙ Configurar cookies
0.16842198371887