O PSOE de Xove pídelle ao Goberno local que inicie as obras para garantir o servizo de abastecemento de auga

O Partido Socialista de Xove presentou no pleno municipal de agosto de 2023 unha moción para abordar un dos problemas máis persistentes e preocupantes para os veciños e veciñas do municipio: a limitación do abastecemento de auga durante períodos de seca e a súa mala calidade en épocas de chuvia.
Daquela, sinalaron os socialistas que este problema "leva anos afectando a Xove, sen que ata o momento o goberno local do Partido Popular tomase accións efectivas para solucionar a situación".
A pesar de que a moción foi rexeitada, tanto o PP como o BNG recoñeceron a gravidade do asunto e acordaron crear unha comisión para abordar a problemática, unha comisión que, segundo o Partido Socialista, nunca funcionou e na que non cren que se atope a solución.
A proposta socialista inclúe tres accións clave para mellorar o servizo de auga no municipio:
- Realizar un estudo técnico especializado que emita un informe detallado sobre o estado das instalacións, especialmente dos equipos de potabilización, e as posibles solucións.
- Levantar un estudo sobre as instalacións de recollida e reserva de auga para mellorar e garantir o subministro en condicións adversas.
- En base aos informes técnicos, analizar se existen deficiencias nos equipos ou problemas no seu manexo e mantemento, ademais de mellorar os puntos de reserva e tomar as accións necesarias para garantir un servizo de auga potable en todo o concello.
No último pleno, celebrado o 10 de febreiro, o alcalde entregou a cada grupo político un resumo do estudo realizado. Este informe confirma as deficiencias nas infraestruturas e presenta solucións para garantir un servizo de auga adecuado para a poboación de Xove até o horizonte de 2048, cando se estima que o concello terá 4.094 habitantes. O custo estimado das accións necesarias ascende a 1.360.921,49 euros.
O paso seguinte será buscar as fontes de financiamento para levar a cabo as obras necesarias, co Partido Socialista instando ao goberno local a poñerse en marcha e solicitar fondos á Xunta de Galicia, "dado que se trata dun servizo básico e esencial para os veciños".
O Partido Socialista tamén quixo lembrar que a situación actual débese á falta de accións nos últimos 20 anos para mellorar o servizo. "O estudo realizado pon de manifesto que as infraestruturas de captación, transporte e tratamento están obsoletas e necesitan unha renovación urxente".
A pesar de que a solución chega tarde, o Partido Socialista pide ao goberno local que actúe de inmediato, escoite as recomendacións do informe e inicie as obras para garantir un servizo de abastecemento de auga acorde coas necesidades do século XXI para Xove.