O PSOE de Xove pide melloras nas parroquias e no saneamento
Os socialistas de Xove, por medio da súa concelleira Rogelia Mariña presentaron unha serie de emendas de orzamentos "respecto do noso concello á Xunta de Galicia, xa que cremos que tanto se prometeu e promete, e hai carencias notables que non se cumpren por máis que se repitan".
Estas emendas son "por e para que Xove medre, dende o grupo socialista presentámolas co afán de que se teñan en conta e non queden nun caixón esquecidas, como outras tantas", comunicaron.
"De feito a Xunta leva o mesmo tempo sen gastar un céntimo en Xove,será porque o noso alcalde non considera que exista ningunha deficiencia nin urxencia. Hai servizos e arranxos que son esenciais e que se deben ter en conta", sinala Mariña.
Unha das emendas foi o saneamento, máis en concreto o das parroquias de Xuances e Portocelo para eliminar os verquidos ás praias de Esteiro e Portocelo. "Xa que moito presumir de bandeiras azuis pero o saneamento das nosas parroquias é fundamental, e traería moitísimos aspectos positivos con elo", indican dende o PSOE.
Outras das emendas é "facer un estudo e mellorar tanto o abastecemento como a calidade da auga de Xove". Lembremos que Xove foi un dos concellos que restrinxiu o consumo de auga pola súa escaseza. Ademais en canto chove un pouquiño sae barro polas billas", sinalan.
A terceira emenda "é a de contemplar o da vía de alta capacidade dende o porto de Morás-Xove co polígono de Camba co enlace coa vía de alta capacidade da Mariña e tamén con Alcoa", di Rogelia Mariña, "sería un punto moi positivo á hora de que Alcoa permanecera máis anos, que é o que queremos todos facilitarlle ás cousas e ao mesmo tempo, facilitarlle ao pobo de Xove prosperidade e desenvolvemento industrial e económico".