O PSOE de Xove levará ao pleno preguntas sobre a auga, o centro de día e o mantemento de servizos municipais

AMariñaXa
Os socialistas reclaman explicacións ao goberno local por problemas recorrentes que afectan ao día a día da veciñanza
Xove-PSOE-candidatura
13 Dec 2025

O Grupo Municipal Socialista de Xove presentará no pleno ordinario do vindeiro luns unha ampla relación de preguntas dirixidas ao goberno local sobre diferentes asuntos que, segundo sinalan, teñen un impacto directo na vida cotiá da veciñanza. Entre as cuestións que centrarán o debate atópanse o estado da rede de abastecemento de auga, a apertura do centro de día, a información sobre proxectos industriais e o mantemento de infraestruturas municipais.

Un dos puntos destacados volverá ser a problemática da auga da traída, despois de que nas últimas semanas chegase ás vivendas en condicións moi deficientes. Desde o PSdeG lembran que non se trata dun feito puntual, senón dunha situación que se repite desde hai anos cada vez que se rexistran choivas intensas. Por este motivo, preguntarán ao alcalde cando prevé acometer unha renovación integral da rede de abastecemento, cun investimento axeitado ás necesidades reais do concello que permita poñer fin a un problema estrutural sobradamente coñecido.

Outra das cuestións que levarán ao pleno está relacionada co centro de día. Os socialistas lembran que a iniciativa partiu do PSdeG e que, malia os anuncios realizados polo goberno municipal sobre a súa posta en marcha, segue sen existir unha data concreta de apertura. Segundo explican, xa formularon esta pregunta en varias ocasións sen obter respostas claras sobre cando abrirá o servizo nin en que condicións o fará.

O grupo municipal tamén solicitará aclaracións sobre a charla informativa celebrada recentemente en relación coa ampliación do encoro de lodos de Alcoa. Os socialistas cuestionan quen promoveu a convocatoria e critican a falta dunha difusión ampla e accesible, xa que, segundo indican, non se informou ao conxunto da veciñanza nin ás parroquias directamente afectadas. Ao seu xuízo, tratar un asunto desta relevancia require unha convocatoria pública e un espazo axeitado que permita a participación de todas as persoas interesadas, especialmente das que residen nas inmediacións do encoro.

Ademais, o PSdeG poñerá o foco no estado dunha fonte pública municipal que presenta perdas de auga e sinais evidentes de deterioro, así como na situación da beirarrúa situada fronte ao edificio de COGAMI, futuro centro de día, que continúa en mal estado e dificulta o tránsito de peóns e persoas con mobilidade reducida.

Desde o PSdeG-PSOE de Xove aseguran que estas iniciativas responden ás preocupacións reais da cidadanía e reiteran o seu compromiso de seguir levando ao pleno todas aquelas cuestións que afectan aos servizos públicos e ao funcionamento diario do concello, reclamando respostas e solucións concretas.

⚙ Configurar cookies
0.076032876968384