O PSOE de Xove denuncia novos episodios de turbidez na auga potable

AMariñaXa
O grupo socialista critica a falta de solucións e apunta ao estado “deplorable” das instalacións municipais
xove-auga-potable-mal-estado-marzo-2026
2 Apr 2026

O grupo municipal do PSOE en Xove volveu denunciar a situación da rede de abastecemento de auga no municipio, tras rexistrarse un novo episodio de turbidez que afectou a varias vivendas. Segundo sinalan os socialistas, a calidade da auga “potable” presenta un aspecto claramente deficiente, algo que, aseguran, se repite de maneira habitual.

Desde a formación lembran que levan toda a lexislatura advertindo desta problemática tanto no pleno como a través de distintas intervencións públicas. Neste sentido, insisten en que o sistema de abastecemento conta con instalacións antigas e en mal estado, o que provoca incidencias recorrentes, especialmente en períodos de choiva.

Porén, o último episodio rexistrado o pasado 29 de marzo no lugar de Palmeiro produciuse, segundo indican, sen que se deran condicións meteorolóxicas adversas, o que aumenta a preocupación sobre o estado da rede.

O grupo socialista critica a ausencia de medidas efectivas por parte do goberno local, ao que acusa de acumular promesas sen materializar solucións reais. “É unha situación coñecida por toda a veciñanza, pero segue sen resolverse”, apuntan.

Así mesmo, anuncian que volverán levar esta cuestión ao próximo pleno municipal, no que solicitarán explicacións ao alcalde e reclamarán actuacións urxentes para garantir un servizo básico en condicións adecuadas.

0.12516403198242