O PSOE de Xove cualifica os Orzamentos de 2026 como continuístas e sen proxecto de futuro

AMariñaXa
Os socialistas critican o baixo nivel de investimentos, a externalización de servizos e a ausencia de medidas para afrontar os principais retos do concello
Xove-PSOE-candidatura
24 Dec 2025

O Grupo Municipal Socialista de Xove amosou a súa fonda preocupación polos Orzamentos municipais para o ano 2026, que, segundo denuncian, repiten o mesmo modelo aplicado polo goberno do Partido Popular ao longo dos últimos dezaoito anos. Para o PSdeG, trátase dunhas contas sen ambición política, carentes de planificación estratéxica e afastadas das necesidades reais da veciñanza e dos desafíos de futuro do municipio.

O proxecto orzamentario presentado polo executivo local ascende a 9.212.000 euros en ingresos e prevé un superávit próximo ao millón de euros. Con todo, desde as filas socialistas consideran que estas cifras non se traducen nin en melloras dos servizos públicos nin en novas oportunidades de desenvolvemento económico e social para Xove.

No apartado de gastos, o PSdeG chama a atención sobre o escaso peso das inversións, que apenas superan os 400.000 euros, o que representa un 4,86% do total do orzamento. Os socialistas lembran que un concello con vocación de futuro debería destinar cando menos un 20% dos seus recursos a investimentos e novos proxectos, o que neste caso suporía máis de 1,8 millóns de euros.

Outro dos aspectos que consideran especialmente preocupantes é a elevada contía destinada a empresas privadas, arredor de 1,6 millóns de euros. Ao seu xuízo, esta política evidencia unha aposta continuada pola externalización de servizos en detrimento da xestión pública e do impulso de iniciativas propias que revertan directamente na mellora do concello.

Desde o PSdeG denuncian tamén que os grandes problemas estruturais de Xove quedan fóra das contas municipais. En materia urbanística non se prevén actuacións para a creación de novas rúas, vivendas ou instalacións deportivas, nin se recollen avances en ámbitos clave como a sanidade ou a educación, tras máis de dúas décadas sen melloras significativas.

A falta de planificación esténdese, segundo os socialistas, a proxectos estratéxicos como o polígono industrial, que continúa acumulando anuncios sen concreción, ou o Porriño de Morás, que unha vez máis queda reducido a promesas sen contido real. Tampouco se detecta unha aposta clara pola mellora do saneamento nin pola xestión de residuos, máis alá dun incremento de custos que, afirman, recae sobre a veciñanza sen achegar solucións novas.

Os socialistas critican ademais a actitude do alcalde, ao que acusan de eludir responsabilidades culpando á Deputación de Lugo e ao Goberno de España. Neste sentido, lembran que é precisamente a institución provincial a que está a achegar investimentos reais a Xove fronte á, ao seu entender, falta de iniciativa do goberno local e da Xunta de Galicia.

Finalmente, o PSdeG cualifica de “auténtico escándalo” que un concello con apenas 3.334 habitantes manteña cinco dedicacións exclusivas no goberno municipal, sen que iso se traduza en proxectos, propostas nin resultados visibles para a cidadanía.

“Estamos diante duns orzamentos repetitivos, sen ideas nin visión de futuro, que afondan na perda de poboación e na falta de dinamismo dun concello cun orzamento moi superior ao doutros municipios da súa mesma categoría”, conclúen desde o Grupo Municipal Socialista, que ven nestas contas a confirmación dunha ausencia total de planificación política tras case vinte anos de goberno do PP.

⚙ Configurar cookies
0.078914165496826