O PSOE de Xove acusa ao PP de deixadez en sanidade, auga e servizos municipais

O Grupo Municipal Socialista de Xove volveu cargar con dureza contra o goberno local do Partido Popular, ao que responsabiliza dunha “deixadez constante” e dunha absoluta falta de respostas ante os principais problemas do municipio. Os socialistas sinalan que a veciñanza sofre carencias graves en tres ámbitos esenciais: sanidade, abastecemento de auga e servizos municipais.
No apartado sanitario, o PSdeG lembrou que este verán o Centro de Saúde estivo practicamente todo o mes de agosto sen médico, unha situación que cualifican de “absolutamente insostible”. Esta carencia derivou en episodios moi graves, como a falta de atención inmediata a un infarto ou mesmo o falecemento dun veciño de Súmoas. Segundo indican, no último pleno o alcalde recoñeceu que a praza vacante por xubilación non se cubrirá ata outubro, polo que nestes meses o municipio só conta cunha médica residente. “Cando ela falta, Xove queda literalmente sen servizo”, reprochan. Os socialistas tamén puxeron o foco no xeriátrico municipal, que debería ter tres médicos para atender a 150 internos e apenas dispón dun, consecuencia —aseguran— da política de recortes da Xunta.
En relación ao abastecemento da auga, desde o PSdeG lembran que as instalacións levan dezaoito anos sen melloras. As tubaxes de fibrocemento sofren roturas constantes e os equipos de tratamento están obsoletos, provocando que a auga chegue en pésimas condicións tanto ao núcleo urbano como ás parroquias. O alcalde, pola súa banda, resta importancia aos feitos e fala de “fallos puntuais” pola seca ou por avarías illadas, aínda que admite estar á espera dunha reunión co presidente da Xunta para concretar cando se poderán acometer melloras valoradas en 1,5 millóns de euros.
No capítulo dos servizos municipais, os socialistas denuncian a supresión das clases de patinaxe artística, que deixaron de prestarse directamente desde o Concello para ser xestionadas por unha empresa privada subvencionada con fondos municipais. Para o PSdeG, esta decisión confirma a “estratexia de recortes e privatizacións do PP, que opta por gobernar a dedo, sen concurso público nin transparencia, afastándose dunha xestión municipal aberta e do interese xeral da veciñanza”.
“O Partido Popular leva anos gobernando en Xove con deixadez, recortes e privatizacións, mentres a veciñanza perde servizos básicos e calidade de vida. Desde o PSdeG imos seguir facendo unha oposición útil e responsable, reclamando solucións inmediatas fronte a un goberno que só trae atraso e ningunha mellora”, conclúen os socialistas.