O PSOE de Xove acusa ao Goberno local de incumprir durante 18 anos as promesas co Portiño de Morás

O Grupo Municipal Socialista de Xove manifesta o seu absoluto rexeitamento ao novo anuncio da Conselleira do Mar sobre o Portiño de Morás, unha infraestrutura que leva 18 anos sendo utilizada como propaganda política, "sen que a día de hoxe exista unha obra real nin un calendario certo de execución".
O partido lembra que xa no ano 2010, Portos de Galicia encargou un estudo no que se estimaba necesaria unha inversión de 30 millóns de euros para un dique de tráfico comercial. “Daquela promesa non se volveu saber nada máis, quedou en papel mollado”.
En abril de 2023, a Xunta volveu facer outra foto no Portiño de Morás anunciando a instalación de tres pantaláns con 123 prazas de amarre, cun investimento de 3 millóns de euros. Porén, “todo quedou en outro anuncio sen consecuencias reais”.
En outubro de 2024, o entón Conselleiro do Mar aseguraba que “o dique de abrigo encaraba a súa recta final tras 18 anos” e anunciaba unha gran partida para 2025 que nunca chegou. Agora, este pasado venres, a Conselleira volveu á Mariña para vender outra vez as supostas inversións, limitando a 2026 unha partida ridícula de 80.000 euros, ao tempo que promete unha obra de 7,5 millóns de euros.
O PSdeG-PSOE de Xove considera este anuncio “un novo insulto á intelixencia da veciñanza”. “Dicir que se van investir 80.000 euros é o mesmo que dicir que non se vai facer nada. Nin sequera chega para o cartel das fotos”, sinalan.
O partido acusa directamente á Xunta e ao alcalde, Demetrio Salgueiro, de “tentar tomar o pelo aos veciños e veciñas durante 18 anos, vendendo fume en bucle”. O PSdeG lembra ademais que a promesa dos pantaláns foi feita polo propio Demetrio xa no ano 2007, cando se presentou por primeira vez á alcaldía. “18 anos despois seguimos igual: anuncios, fotos e cero realidade”.
O PSdeG-PSOE de Xove esixe claridade inmediata: que a Xunta presente o proxecto definitivo, que concrete o financiamento real, e que faga público o calendario completo de execución da obra, con prazos verificables. “Xove non merece 18 anos de enganos nin outros 18 máis de espera. Xa está ben de prometer, anunciar e non facer. O Portiño de Morás ou se executa de verdade, ou que deixen de xogar coa xente desta vila”, conclúe a agrupación.