O PSOE de Viveiro reivindica a autoría socialista na obra de Santiago-Covas

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro quixo lembrar esta semana que a obra de reposición de vías e servizos na avenida de Santiago-Covas, recentemente adxudicada de forma provisional, foi planificada e preparada integramente polo goberno socialista. Segundo explican, a actuación estaba incluída no Plan Deputación 2025 e deixouse o expediente listo para continuar coa tramitación administrativa, cumprindo todos os prazos legais esixidos.
Os socialistas sinalan que o proxecto técnico, a planificación e a consignación orzamentaria son froito do traballo desenvolvido cando María Loureiro exercía como alcaldesa, antes da moción de censura que mudou o goberno municipal. “Esta obra, como moitas outras que están vendo a luz nos últimos meses, non xorde do nada nin responde a xestións recentes, senón ao traballo serio e planificado do goberno socialista”, destacan desde o PSOE.
Á vista dos feitos, os socialistas aseguran que queda desmontado o discurso de inoperancia que o Partido Popular e Por Viveiro utilizaron para xustificar a moción de censura. Tal e como subliñan, as obras que se están executando foron proxectadas e consignadas previamente polo goberno socialista, demostrando así que existiu planificación, proxectos e xestión responsable, e non meros anuncios sen contido.