O PSOE de Viveiro reclama transparencia e urxe unha xunta de voceiros polo vertido de purín

AMariñaXa
Os socialistas denuncian un mes de silencio do goberno local e esixen coñecer as medidas tomadas ante unha “catástrofe natural sen precedentes”
Viveiro-PSOE-Maria-Loureiro-2023
28 Jul 2025

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro vén de rexistrar un novo escrito dirixido á alcaldesa solicitando, por segunda vez, a convocatoria dunha xunta de voceiros/as co fin de obter información detallada sobre o vertido de xurro ocorrido o pasado 6 de xuño.

Segundo denuncian, esta petición repítese logo dun mes sen resposta por parte do equipo de goberno do Partido Popular. A primeira solicitude foi presentada o 14 de xuño, pero desde entón, sinalan, non se recibiu ningún tipo de comunicación oficial sobre as actuacións realizadas nin sobre as responsabilidades derivadas dos feitos.

Desde o grupo socialista aseguran que durante os días máis críticos trala aparición do vertido, decidiron manter unha actitude de respecto e prudencia. “Entendemos que tanto desde o Concello como desde os servizos técnicos e outras administracións se traballou intensamente para dar resposta á situación. Por iso, agardamos sen facer declaracións públicas, confiando en que se actuaba con responsabilidade”, sinalan.

Engaden que a propia voceira do grupo, María Loureiro, se puxo en contacto coa alcaldesa para interesarse pola situación, e que nese momento recibiu información sobre as tarefas que se estaban a realizar. Porén, pasado xa un mes desde o incidente e coa situación aparentemente controlada, o PSOE local considera incomprensible que aínda non se teña reunido aos voceiros dos distintos grupos políticos da corporación.

“Non comprendemos por que non se nos convoca a unha reunión para dar conta, de forma detallada, do acontecido e, sobre todo, das medidas que se van tomar ou que xa se tomaron fronte ao responsable do vertido”, lamentan.

O grupo socialista insiste en que a cidadanía ten dereito a coñecer toda a información dispoñible e que a xunta de voceiros é o espazo institucional máis adecuado para garantir esa transparencia. “É o órgano onde se reúnen os representantes electos de todos os veciños e veciñas de Viveiro, e por tanto, é o lugar idóneo para dar explicacións e compartir datos con rigor”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.8397421836853