O PSOE de Viveiro reclama melloras na seguridade viaria e transparencia na xestión do novo goberno local

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Viveiro, a través do seu concelleiro Jesús Fernández Fernández, vén de presentar no pleno municipal unha serie de rogós dirixidos á alcaldesa, nos que demanda actuacións urxentes en materia de seguridade viaria, mantemento urbano e organización do novo goberno local.
Un dos rogos fai referencia a un espello de tráfico situado na intersección entre a rúa Rego das Frores e a Avenida Benito Galcerán, fronte ao edificio número 3. O espello actual, orientado cara á esquerda, atópase en mal estado e borroso, dificultando a visibilidade dos condutores que saen cara á estrada. Fernández solicita a substitución do cristal deteriorado e a instalación doutro espello que permita ver os vehículos que veñen pola dereita, mellorando así a seguridade nun punto de alta circulación e visibilidade reducida.
Outro dos puntos abordados trata sobre a limpeza da vexetación nas marxes da avenida Ramón Canosa, tanto na zona próxima á depuradora como na contorna da gasolineira de Celeiro. Segundo o edil socialista, a maleza e as árbores volveron crecer nos taludes e invaden tanto a estrada como as farolas da beirarrúa, obstruíndo o alumeado público e incrementando o risco de caída de árbores. Por este motivo, solicita que o Concello tramite coa Xunta de Galicia unha nova intervención de limpeza a maior brevidade.
Por último, Fernández critica a falta de información sobre a organización interna do novo goberno municipal, tras a moción de censura do pasado 7 de marzo. Denuncia que, malia transcorrer máis de dous meses e celebrarse varios plenos, a cidadanía segue sen coñecer quen son os responsables de cada concellaría, dificultando a súa relación coa administración local. Por iso, reclama que se faga pública a estrutura do goberno e os nomes das persoas encargadas de cada área.