O PSOE de Viveiro propón que se conceda a medalla de ouro á Semana Santa

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro vén de presentar no día de hoxe unha moción para propoñer a concesión da Medalla de Ouro do Concello á Semana Santa de Viveiro, nun recoñecemento que se fai extensivo ao conxunto da cidadanía polo seu papel fundamental na súa conservación e grandeza.
Desde o PSOE destacan que a recente celebración da Semana Santa volveu demostrar, un ano máis, a súa dimensión excepcional, tanto pola alta participación como pola importante afluencia de visitantes, que consolidan este evento como un dos principais referentes culturais, relixiosos e turísticos da vila.
Os socialistas subliñan que, máis alá do seu impacto económico e turístico, a verdadeira forza da Semana Santa de Viveiro reside no seu carácter profundamente popular. “Estamos ante unha celebración que non se entende sen o seu pobo, construída grazas ao compromiso e á implicación de xeracións enteiras de veciños e veciñas”, sinalan.
A moción pon en valor o papel das confrarías —coordinadas a través da súa Xunta de Confrarías—, das bandas de música, das persoas voluntarias e colaboradoras, así como do conxunto da veciñanza, destacando especialmente o relevo xeracional que garante a continuidade desta tradición.
“Practicamente todas as familias de Viveiro teñen algún vínculo coa Semana Santa, ben sexa participando nas procesións, colaborando na organización ou formando parte das bandas. Esa implicación colectiva e desinteresada é o que fai única á nosa Semana Santa”, afirman.
Neste sentido, o PSOE considera que chegou o momento de que o Concello realice un recoñecemento institucional á altura do que representa a Semana Santa de Viveiro, non só como evento, senón como expresión viva da identidade, da historia e do compromiso colectivo da vila.
A proposta contempla que a Medalla de Ouro se conceda á Semana Santa de Viveiro con carácter simbólico e colectivo, facendo extensivo este recoñecemento ao conxunto do pobo viveirense, representado na Xunta de Confrarías, nas confrarías, nas bandas de música e en todas as persoas que, de maneira altruísta, contribúen ano tras ano ao seu éxito.