O PSOE de Viveiro propón pagar a todos os colectivos locais que participen nas festas patronais

AMariñaXa
A moción busca establecer criterios iguais na programación municipal e evitar diferenzas entre grupos remunerados e non remunerados
Viveiro-Pleno-municipal-2025
26 Mar 2026

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro vén de rexistrar unha moción co obxectivo de garantir que todos os colectivos e asociacións locais que participen na programación das festas patronais organizada polo Concello reciban unha compensación económica pola súa actuación.

Desde o PSOE explican que a organización das festas combina distintos ámbitos, como o traballo da comisión de festas e a programación cultural impulsada directamente polo Concello. É neste último apartado onde consideran necesario fixar normas claras que aseguren un trato equitativo para todos os participantes.

A iniciativa xorde tras detectar situacións na última edición das festas nas que, segundo denuncian, algúns grupos actuaron sen percibir remuneración mentres outros si foron compensados, sen existir un criterio común. “Non se pode esixir compromiso e profesionalidade e, ao mesmo tempo, pretender que traballen gratis”, sinalan desde a formación.

Os socialistas lembran ademais que moitos destes colectivos colaboran durante todo o ano en iniciativas solidarias de forma desinteresada, polo que consideran que esta disposición non debe trasladarse á programación ordinaria das festas. Subliñan que as contías necesarias serían reducidas en comparación co orzamento global, polo que entenden que a cuestión reside máis na organización que na falta de recursos.

A proposta pretende asegurar igualdade de condicións para todos os grupos locais e recoñecer o seu papel esencial na dinamización cultural de Viveiro, evitando así que se repitan situacións consideradas inxustas.

0.12491416931152