O PSOE de Viveiro propón diálogo institucional para evitar o peche definitivo do cine na vila

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro vén de rexistrar unha moción no Concello coa finalidade de evitar que a vila quede sen cine tras o anuncio do peche da sala multicines. A iniciativa aposta por abrir canles de diálogo coa empresa propietaria e co dono do local co obxectivo de conservar as instalacións e darlles un uso cultural de maneira puntual, aínda que non se manteña unha programación comercial continuada.
Desde o PSOE subliñan que a proposta non pretende rescatar nin xestionar unha empresa privada, senón defender o dereito da cidadanía ao acceso á cultura e evitar a desaparición dun espazo que consideran parte da memoria colectiva de Viveiro. O cine, lembran, é moito máis ca unha actividade de lecer, xa que funciona como lugar de encontro interxeracional e como servizo cultural relevante para a infancia, a mocidade e as persoas maiores.
A moción aposta por fórmulas realistas baseadas na colaboración institucional e público-privada, coa organización de programacións concretas como a Semana do Cine Galego, ciclos de cine en galego, cine infantil e familiar ou propostas de cine social e educativo. Os socialistas insisten en que, aínda que non sexa viable manter unha oferta comercial estable, non se debe renunciar a que a pantalla continúe acendéndose en datas sinaladas.
O texto tamén fai fincapé na necesidade de que a Xunta de Galicia se implique a través dos seus organismos culturais, prestando apoio técnico, programático ou económico para facilitar este tipo de iniciativas en concellos como Viveiro, que contan cunha tradición cultural consolidada pero afrontan as dificultades propias das vilas medianas ante os cambios nos hábitos de consumo audiovisual.
Entre os acordos que se propoñen ao Pleno municipal figura tamén o compromiso do Concello de impulsar unha programación cinematográfica puntual no caso de que non sexa posible a continuidade da actividade ordinaria, así como dar traslado da moción tanto á Xunta de Galicia como á empresa propietaria da sala.
Desde o grupo socialista conclúen que o obxectivo é claro: evitar que Viveiro quede sen cine sen esgotar previamente todas as vías de diálogo e colaboración posibles, apostando pola cultura como un servizo esencial para a veciñanza.