O PSOE de Viveiro pide transparencia sobre as festas patronais e solucións para o rego Martelo

AMariñaXa
A voceira socialista María Loureiro rexistrou varios rogos para o pleno, nos que reclama información sobre a ocupación do peirao en San Roque, o destino das subvencións e a limpeza do regato
Viveiro-PSOE-Maria-Loureiro-2023
8 Sep 2025

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Viveiro, a través da súa voceira e concelleira María Loureiro García, vén de presentar varios rogos que levará ao próximo pleno da corporación. A edil socialista puxo sobre a mesa cuestións relacionadas coas festas patronais de 2025 e co estado do rego Martelo, reclamando máis transparencia e información clara por parte do Goberno local.

No primeiro dos rogos, Loureiro referiuse á utilización da explanada do peirao de Viveiro durante as festas de San Roque, un espazo de titularidade de Portos de Galicia. Lembrou que en anteriores mandatos, cando empresas de atraccións querían instalarse alí, era o Concello quen tiña que asumir a solicitude e aboar as taxas correspondentes, algo que os técnicos municipais non vían axeitado. Este ano houbo atraccións no lugar, coincidindo coa actividade da Comisión de Festas, algo que valorou positivamente. Non obstante, pediu que se aclare se foi o Concello quen solicitou formalmente a ocupación do espazo e quen abonou as taxas, así como a contía exacta.

O segundo rogo céntrase nas festas patronais de Viveiro. A voceira socialista quixo destacar o traballo da Comisión de Festas, “polo seu esforzo e dedicación”, pero tamén solicitou datos concretos sobre a achega económica do Concello, diferenciando entre subvencións directas á Comisión e pagos asumidos polo propio consistorio. Tamén preguntou a que se destinou a subvención da Xunta de Galicia, cifrada en 145.000 euros para promoción turística, e outras posibles axudas adicionais. Loureiro criticou que, malia dispoñer destas partidas, algúns grupos locais non puidesen participar ao alegarse falta de recursos.

Por último, Loureiro puxo o foco no estado do rego Martelo, que cualificou de “auténtico canaveiral” no que xa nin se distingue o curso da auga, sobre todo no tramo que vai desde a estrada ata a desembocadura. Lembrou que no anterior mandato existían carteis que explicaban que a limpeza non podía realizarse polas restricións de Augas de Galicia, dependente da Xunta, mais actualmente xa non están, e a veciñanza descoñece quen é o responsable. A socialista advertiu do risco de inundacións no inverno e pediu saber que xestións se fixeron coa Xunta e que medidas prevé o Goberno local para garantir a seguridade.

⚙ Configurar cookies
0.14059209823608