O PSOE de Viveiro pide diálogo ante o risco de folga no servizo de limpeza e recollida de lixo

AMariñaXa
Os socialistas amosan a súa preocupación polo posible impacto nun servizo esencial en plena Semana Santa
Viveiro-Pleno-municipal-2025
19 Mar 2026

O grupo municipal do PSOE de Viveiro vén de poñerse en contacto co persoal da empresa encargada da recollida de residuos e da limpeza viaria tras coñecer, a través dos medios de comunicación, a posibilidade dunha convocatoria de folga motivada polas súas demandas laborais.

Dende a formación socialista trasladan a súa inquietude ante unha situación que podería afectar de maneira directa a un servizo considerado esencial para a veciñanza. Ademais, subliñan que este escenario chega nun momento especialmente delicado, coincidindo coa proximidade da Semana Santa, unha das épocas do ano con maior presenza de visitantes na localidade.

Os socialistas lembran que, hai tres anos, durante o anterior mandato municipal, xa se viviu unha situación complexa arredor deste mesmo servizo. Naquel momento, segundo sinalan, o goberno local encabezado pola entón alcaldesa María Loureiro promoveu un proceso de negociación no que participaron a empresa concesionaria, os sindicatos e o propio persoal. Aquel diálogo permitiu alcanzar un acordo entre as partes e evitar un conflito maior.

Neste contexto, o PSOE insta á actual rexedora a actuar con responsabilidade e a impulsar de maneira inmediata unha vía de entendemento. O grupo considera necesario que o executivo local se sente tanto coa representación dos traballadores e traballadoras como coa empresa para escoitar as diferentes posturas e favorecer un acordo que dea resposta ás reivindicacións expostas.

Dende o partido destacan que o persoal está a defender os seus dereitos e amosa disposición ao diálogo, polo que consideran fundamental que o Concello exerza un papel activo de mediación. Ao seu xuízo, só a través da vontade conxunta das partes será posible atopar unha solución que evite a folga e garanta a continuidade dun servizo básico para a cidadanía.

0.12287998199463