O PSOE de Viveiro pide actuacións urxentes na Ponte Maior, contra os aparcamentos indebidos e máis transparencia tras o vertido de purín

AMariñaXa
O grupo socialista reclama a revisión estrutural da histórica ponte, un maior control do tráfico en Lodeiro e Cervantes, e unha xunta de voceiros para aclarar a xestión da crise ambiental do 6 de xuño
Viveiro-coches-enriba-beirarruas-2025
4 Aug 2025

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Viveiro vén de presentar tres rogos no pleno municipal nos que insta ao goberno local a tomar medidas ante diversas problemáticas que afectan á cidade: a conservación da Ponte Maior ou da Misericordia, os aparcamentos indebidos en zonas peonís e a falta de información sobre o vertido de purín do pasado mes de xuño.

O concelleiro socialista Jesús Fernández solicitou unha intervención urxente sobre a Ponte Maior, tamén coñecida como da Misericordia, pola súa relevancia tanto patrimonial como funcional. Segundo denunciou, existen signos de deterioración que poderían comprometer a súa estabilidade e seguridade. “Parte do muro posterior aos arcos parece desprazado e, ademais, a rampa do outro lado segue sen reparar”, advertiu Fernández, apoiándose en imaxes que acompañaron a petición. O grupo insta ao goberno a que se revise a estrutura, especialmente os tajamares, e se adopten medidas correctoras se se detectan deficiencias.

Noutra liña, Fernández tamén deu voz ás queixas de veciños e veciñas do barrio de Lodeiro pola constante presenza de vehículos estacionados sobre as beirarrúas, o que dificulta o paso peonil e pon en risco a seguridade viaria. “Non só obstaculiza o tránsito de persoas, senón que representa un perigo evidente para persoas con mobilidade reducida, maiores ou familias con carriños”, sinalou. A situación agrávase pola proximidade dun parque infantil e unha pista de xogos. O edil socialista tamén puxo o foco na Avenida de Cervantes, onde denuncia “un uso descontrolado do espazo público, con condutores que ignoran as normas, mesmo nunha vía preferentemente peonil cunha limitación de 20 km/h”. Por iso, demandan que se reforce a sinalización, o control policial e a vixilancia para garantir a accesibilidade e seguridade de toda a cidadanía.

A terceira intervención veu da man da voceira socialista María Loureiro, quen reclamou a convocatoria dunha xunta de voceiros para aclarar a xestión do vertido de purín que afectou ao municipio o pasado 6 de xuño. Segundo indicou, o grupo xa solicitara esa reunión o 14 de xuño, sen resposta, e volveu rexistrala o 28 de xullo “despois dun mes de silencio do equipo de goberno do Partido Popular”. Loureiro subliñou que, malia ter mantido contacto coa alcaldesa nos momentos máis críticos, o PSOE aínda non recibiu unha explicación detallada nin coñece as medidas adoptadas sobre as responsabilidades derivadas do acontecido. “A veciñanza merece saber a verdade do que pasou e que consecuencias se van asumir”, asegurou. Para o PSdeG, a xunta de voceiros sería o foro adecuado para facilitar esa información de maneira oficial a todos os grupos da corporación.

Dende o grupo socialista insisten en que todas estas cuestións afectan directamente á calidade de vida e á seguridade da cidadanía, e instan á alcaldesa a exercer o seu liderado con transparencia e responsabilidade.

⚙ Configurar cookies
0.17359209060669