O PSOE de Viveiro logra que o goberno local retire a modificación da taxa de terrazas

AMariñaXa
Os socialistas celebran a rectificación do Partido Popular e piden diálogo real coa hostalería para mellorar a ordenanza sen aumentar a carga administrativa
Viveiro-Pleno-municipal-2025
6 Nov 2025

O Pleno municipal de Viveiro deixou onte un cambio de rumbo político tras a retirada da modificación da ordenanza fiscal das terrazas, proposta polo equipo de goberno do Partido Popular. A medida, que provocara malestar no sector hostaleiro, foi finalmente retirada tras a intervención do grupo socialista, autor da iniciativa para que se suprimise o punto da orde do día.

Desde o Partido Socialista cualificaron a decisión como “un paso na boa dirección”, ao considerar que a proposta do PP era “incongruente e pouco xustificada”. Argumentan que o Concello “xa dispón dun padrón anual que permite controlar a ocupación das terrazas e aplicar as taxas correspondentes”, polo que “crear un novo censo só serviría para xerar máis burocracia e carga administrativa, tanto para os hostaleiros como para os servizos municipais”.

A modificación incluía ademais un novo período impositivo anual e a obriga de solicitar prórrogas en decembro, cuestións que —segundo o PSOE— “poderían provocar confusión e dificultar a planificación dos establecementos”. Tamén se propoñía un sistema de autoliquidación inmediata, que obrigaría a pagar por adiantado e eliminaría o fraccionamento dos pagos, “un mecanismo que ata agora facilitaba o cumprimento das obrigas fiscais de moitos negocios locais”.

De terse aprobado, lembran os socialistas, “os hostaleiros terían que rematar de pagar o exercicio 2025 e, case de inmediato, aboar o de 2026”, algo que cualifican como “inxusto e excesivo” nun contexto no que o sector “segue a sufrir as consecuencias económicas dos últimos anos”.

O PSOE tamén criticou a falta de diálogo e transparencia no proceso. “Só se celebrou unha comisión informativa, pero non houbo reunión de portavoces para analizar a fondo a proposta”, indicaron. Durante o pleno, engadiron, quedou patente que o Partido Popular “quixo actuar en solitario”, xa que “non contou co apoio de Por Viveiro nin do BNG, que se sumaron á petición socialista para retirar o punto”.

Un dos momentos máis comentados da sesión foi cando se constatou que “nin o propio concelleiro de Hostalería e Comercio coñecía as modificacións que se pretendían aprobar”, algo que, segundo o PSOE, “deixou abraiada a toda a corporación e amosa unha falta total de coordinación no goberno local”.

O grupo socialista lembrou ademais o seu traballo durante o anterior mandato en apoio ao sector: “Nos anos 2020 e 2021 concedéronse axudas pola pandemia, eximiuse o pago da taxa de terrazas durante tres exercicios e implantouse o fraccionamento en tres prazos. Sempre actuamos da man da hostalería e do comercio local”, subliñaron.

Pola súa banda, a oposición coincidiu en sinalar que “o problema real non está na ordenanza, senón no control e seguimento das terrazas xa existentes”, polo que a retirada da proposta “abre agora a porta a un proceso de diálogo máis construtivo”.

Desde o PSOE reiteran a súa disposición a colaborar “na procura de solucións realistas e consensuadas que melloren a xestión municipal sen incrementar a carga económica nin burocrática dos negocios locais”.

⚙ Configurar cookies
0.070406913757324