O PSOE de Viveiro leva ao pleno queixas veciñais e reclama a continuidade de Superarte

AMariñaXa
O grupo municipal solicita solucións a problemas no viario e zonas verdes, a conservación do patrimonio histórico e manter a mostra de teatro inclusivo
Viveiro-canon-conservacion-patrimonio
2 Oct 2025

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro presentará no próximo pleno varias propostas e rogos relacionados con asuntos que afectan directamente á vida diaria da veciñanza e ao patrimonio cultural da cidade.

Unha das queixas chega da Avenida de Vilalba, en Cantarrana, onde dende maio existe un socavón no asfalto á altura do campo de fútbol municipal Kiko Rey. O Concello colocou daquela unha chapa metálica como medida provisional, pero meses despois segue sen repararse de xeito definitivo. Os ruídos provocados polos vehículos ao pasar pola chapa afectan ao descanso do barrio. Por iso, o PSOE solicita información sobre quen debe asumir a reparación e cando se dará unha solución definitiva.

Outra das preocupacións ten que ver co estado de varias zonas verdes municipais. Os socialistas lembran que durante a primavera e o verán moitos espazos apareceron secos e amarelos, a pesar de contar con sistemas de rego automático que non se puxeron en funcionamento. Exemplos como os xardíns Noriega Varela ou o parque Pernas Peón son algúns dos máis afectados. O grupo municipal pide explicacións e reclama que se garantan no futuro unhas áreas verdes coidadas.

Tamén se puxo sobre a mesa o abandono dos canóns e do obús situados no parque Pernas Peón, elementos instalados en 2010 con motivo do bicentenario do naufraxio da fragata Magdalena e do bergantín Palomo. Segundo denuncian, a cabullería está deteriorada e obsérvase un uso inadecuado como se foran xogos infantís. O PSOE reclama mantemento urxente, medidas de protección e a posta en valor deste patrimonio histórico.

Finalmente, os socialistas defenderán a continuidade de Superarte, a mostra de teatro inclusivo para persoas con diversidade funcional que se celebrou durante seis edicións en Viveiro e que acadou un importante recoñecemento. Denuncian que este ano non se organiza por cambios nas bases das subvencións da Xunta, pero consideran que existen alternativas para mantela, ben a través de asociacións colaboradoras ou cunha partida municipal. “O que fai falta é vontade política e compromiso para non deixar perder un proxecto pioneiro e de alto valor social e cultural”, subliñan.

⚙ Configurar cookies
0.077128887176514