O PSOE de Viveiro lembra que as melloras na piscina municipal son resultado da xestión do anterior goberno socialista

O PSOE de Viveiro informou este martes da recepción das novas máquinas do ximnasio da Piscina Municipal, un proxecto que —segundo subliñan— é froito directo da xestión do anterior goberno socialista encabezado pola exalcaldesa María Loureiro. A actuación enmárcase no convenio de 50.000 euros asinado coa Deputación de Lugo para a renovación integral do equipamento deportivo.
Desde o grupo socialista explican que estas melloras se suman a outras intervencións recentes na instalación, como a colocación dunha nova deshumectadora, tamén financiada pola Deputación, cun investimento de 37.279,52 euros. Grazas a este equipamento, puido reabrirse o vaso pequeno da piscina, mellorando as condicións de seguridade, hixiene e confort para os usuarios.
“O tempo pon as cousas no seu lugar”, sinalan desde o PSOE, que quixo lembrar que todas estas obras foron tramitadas e planificadas polo anterior executivo municipal. “Mentres o Partido Popular e Por Viveiro criticaban sen fundamento, o goberno socialista seguía traballando día a día para mellorar as instalacións públicas e conseguir investimentos para o municipio”, engaden.
O grupo socialista reivindica así a labor desenvolvida durante o mandato de María Loureiro, nun contexto de “grandes dificultades económicas e coa falta absoluta de apoio da Xunta de Galicia”. Aseguran que os proxectos que agora se fan realidade demostran “un traballo serio, constante e comprometido co benestar da veciñanza”.
“As obras que se están executando e as que virán nos próximos meses son o resultado dunha planificación responsable, feita con rigor e pensando sempre no interese xeral de Viveiro”, conclúen desde o PSOE, que insisten en que a mellora das infraestruturas deportivas municipais foi unha das prioridades do seu mandato.