O PSOE de Viveiro destaca que o vaso pequeno da piscina municipal xa está operativo

AMariñaXa
O grupo socialista lembra que a actuación foi impulsada polo anterior goberno municipal de María Loureiro
viveiro-psoe-piscina
9 Jul 2025

O PSOE de Viveiro informou que o vaso pequeno da Piscina Municipal xa está plenamente operativo tras completarse a instalación dunha desumectadora, unha actuación impulsada polo anterior goberno municipal presidido por María Loureiro. Este proxecto contou cun orzamento de 40.000 euros e foi financiado a través do Plan Deputación de Lugo.

Segundo explican desde o PSOE, a obra sufriu retrasos debido a que a empresa adxudicataria resultou afectada pola DANA que impactou Valencia, tendo que reestruturar os seus prazos de execución. “A pesar diso, a obra quedou completamente executada grazas á planificación e tramitacións realizadas polo anterior goberno municipal”, subliñan.

Esta actuación non é un feito illado, pois a Piscina Municipal está en proceso de transformación debido a varias xestións que quedaron en marcha antes da moción de censura. Destaca entre elas a renovación integral dos aparatos do ximnasio, “actualmente en proceso de licitación”, unha iniciativa financiada cun convenio de 50.000 euros asinado por María Loureiro como alcaldesa e o presidente da Deputación de Lugo, dentro dun acordo extraordinario para a promoción do deporte e das instalacións deportivas.

Desde o PSOE resaltan que estas actuacións demostran que o anterior goberno municipal “traballaba con planificación en compromiso cos veciños e veciñas”. Engaden que, malia “as críticas infundadas do Partido Popular e o seu principal apoio de Por Viveiro”, este traballo serio “agora se está materializando”. “Resulta evidente que os tempos da administración son os que son, e que as cousas non se executan da noite para a mañá”, explican.

Para o PSOE, “unha vez máis queda demostrado que o actual goberno do Partido Popular vive da inercia e do traballo realizado polo anterior executivo encabezado por María Loureiro”. Respecto á estratexia do PP, sinalan que “o seu desprestixio non se sostén fronte á realidade: os feitos falan por si mesmos”.

⚙ Configurar cookies
0.18153285980225