O PSOE de Viveiro destaca a mellora da pista do Pombal como exemplo de compromiso co rural

AMariñaXa
A obra, impulsada polo anterior goberno socialista e cun orzamento de 87.000 euros, forma parte do Plan Camiña Rural 2025/2026 da Axencia Galega de Desenvolvemento Local
Viveiro-pista-do-POmbal-2025
10 Nov 2025

O PSOE de Viveiro salientou a importancia das obras de mellora na pista do Pombal, en Vieiro, unha actuación xestionada polo anterior executivo municipal encabezado por María Loureiro. A intervención, que se enmarca no Plan Camiña Rural 2025/2026 da Axencia Galega de Desenvolvemento Local, contou cun investimento de 87.000 euros.

Desde a formación socialista explican que se trataba dunha “débeda pendente coa veciñanza de Vieiro”, xa que a antiga pista presentaba un estado de conservación deficiente e supoñía un risco para o tránsito habitual. “Hoxe o cambio é evidente, a mellora é notable tanto en seguridade como en comodidade para quen vive e traballa nesta zona”, sinalan.

O PSOE subliña que esta actuación é froito do “compromiso, da planificación e do traballo” do anterior goberno municipal, que apostou por reforzar os servizos básicos no rural e por garantir unhas infraestruturas en boas condicións. “A nosa prioridade sempre foi que todos os núcleos do municipio, tamén os máis pequenos, conten con vías seguras e adecuadas”, lembran.

Os socialistas viveirenses remarcan que esta mellora se inscribe nunha estratexia máis ampla de investimento no territorio rural, orientada a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a fixar poboación. “Cada obra destas contribúe a que vivir no rural sexa máis atractivo e cómodo”, apuntan, destacando que o proxecto do Pombal “é unha mostra máis de que o traballo serio e a boa planificación dan resultados visibles”.

⚙ Configurar cookies
0.069409847259521