O PSOE de Viveiro denuncia que os orzamentos da Xunta esquecen unha vez máis ao municipio

O PSOE de Viveiro lamenta que os novos orzamentos da Xunta de Galicia volvan deixar ao municipio “totalmente abandonado”, sen proxectos nin investimentos reais. Segundo denuncian, o Goberno galego repite o patrón doutros anos e “volve esquecerse de Viveiro”, malia as promesas realizadas e a recente moción de censura.
Un dos puntos que máis preocupa aos socialistas é a Vía de Alta Capacidade da Costa Norte, unha infraestrutura que levan décadas reclamando. Recordan que o ano pasado a Xunta destinara 4,7 millóns de euros para 2025 e prevía 10 millóns máis para os exercicios seguintes. Porén, nas novas contas autonómicas a partida redúcese a 4 millóns para todo o conglomerado da VAC Costa Norte, incluíndo a Variante de Viveiro e a mellora da LU-540 entre Viveiro e Ourol. “Non hai intención real de facer nada, o proxecto está incompleto e carece de informes técnicos e ambientais”, sinala o PSOE local.
Tamén censuran que a chamada “remodelación da fachada marítima” anunciada pola Conselleira do Mar non supón unha inversión nova, xa que os 167.000 euros recollidos se destinarán unicamente a tarefas de mantemento no aparcadoiro do antigo peirao de Viveiro, algo que —segundo apuntan— Portos de Galicia xa tiña a obriga de realizar hai anos.
No caso do porto de Celeiro, o grupo socialista afirma que tampouco se contemplan actuacións novas, senón obras de conservación que tamén son responsabilidade de Portos de Galicia, organismo que ademais cobra polos seus servizos.
En canto á protección fronte ás inundacións na zona de Xunqueira, o PSOE explica que a partida de 974.000 euros prevista nos orzamentos non é un investimento exclusivo da Xunta. Segundo detallan, Augas de Galicia achega 600.000 euros, mentres que o resto procede do Concello e da Deputación de Lugo, froito dunha negociación impulsada polo anterior goberno municipal socialista. Parte destes fondos, engaden, proveñen do programa europeo Next Generation, negociado polo Goberno de España.
“Viveiro volve quedar esquecido e sen proxectos de futuro”, conclúe o PSOE local, que considera que os resultados da moción de censura están á vista e critica que “non hai camiños, nin proxectos, nin futuro para Viveiro nos orzamentos da Xunta”.