O PSOE de Viveiro denuncia que a Xunta renuncia á Vía de Alta Capacidade para o municipio

O PSOE de Viveiro denunciou que o anuncio realizado na vila polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, confirma unha situación que consideran “moi grave”: Viveiro queda definitivamente sen a Vía de Alta Capacidade (VAC). Segundo explican os socialistas, o proxecto presentado non responde ás características dunha VAC, senón que se limita a unha variante de estrada cun investimento aproximado de 60 millóns de euros, moi afastado dos máis de 250 millóns que estaba previsto destinar á infraestrutura inicialmente anunciada pola propia Xunta.
Desde o PSOE lembran que foi o Goberno galego quen durante anos impuxo ao Concello de Viveiro a inclusión do trazado da VAC no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), condicionando durante máis dunha década o desenvolvemento urbanístico do municipio. O executivo local socialista e o conxunto da Corporación municipal aceptaron esa esixencia para poder avanzar na aprobación do planeamento, nun exercicio de colaboración institucional que agora, ao seu xuízo, queda en evidencia.
Os socialistas consideran especialmente rechamante que se presente agora como unha solución novidosa unha alternativa que, segundo aseguran, podería terse executado hai anos se a Xunta tivese vontade política. “Non se fixo antes porque non quixeron, non porque o Concello non colaborase”, subliñan.
O PSOE de Viveiro advirte de que a decisión anunciada supón renunciar de maneira definitiva a unha Vía de Alta Capacidade, unha infraestrutura estratéxica da que dispoñen outras comarcas galegas e que, na súa opinión, tamén merecía Viveiro. O novo proxecto implica, ademais, comezar de novo cun modelo máis limitado e cun orzamento claramente inferior ao comprometido no pasado.
Outro dos aspectos que preocupa aos socialistas é o impacto que este cambio terá no PXOM, xa que durante anos se mantivo un trazado concreto por imposición da Xunta para poder avanzar na súa tramitación. A modificación agora do tipo de infraestrutura supón, segundo indican, reabrir procesos e retroceder en parte no traballo realizado.
Desde o PSOE critican tamén que o goberno municipal acepte esta rebaixa sen presentar esixencias nin reivindicacións, conformándose cunha variante viaria de menor entidade por motivos económicos e renunciando, ao seu entender, a unha infraestrutura clave para o futuro de Viveiro e de toda a Mariña.
Especialmente dura é a valoración das declaracións da alcaldesa, quen agradeceu a “empatía” do presidente da Xunta coa localidade. Os socialistas consideran “ofensivo” falar agora de empatía cando, segundo afirman, durante máis de quince anos os gobernos autonómicos bloquearon proxectos, investimentos e oportunidades en Viveiro polo feito de non compartir cor política co executivo local.
Na súa valoración final, o PSOE de Viveiro deixa claro que non se opoñerá de maneira automática a calquera investimento polo simple feito de proceder doutra administración, pero advirte de que tampouco vai gardar silencio. “A nosa responsabilidade é dicirlle á veciñanza a verdade, explicar o que se prometeu durante anos, o que se perde agora e que consecuencias ten para Viveiro”, conclúen, reclamando que cada quen asuma as súas responsabilidades políticas.