O PSOE de Viveiro denuncia a falta de iniciativas propias na programación de Nadal

AMariñaXa
Segundo a oposición, o goberno municipal limitouse á propaganda e deixou que o tecido asociativo liderase a maior parte das actividades culturais
viveiro-maria-loureiros-PSOE-2023
12 Jan 2026

Unha vez rematadas as festas de Nadal, o PSOE de Viveiro fai un balance crítico da programación cultural desenvolvida polo actual goberno local. Desde a formación consideran que a xestión municipal estivo marcada pola ausencia de iniciativas propias e por unha excesiva dependencia do tecido asociativo da cidade.

Entre os puntos máis destacados, o PSOE sinala a decisión do goberno de acurtar o percorrido da Cabalgata de Reis, excluíndo Covas e Celeiro. Aínda que a medida podía ter aspectos positivos, coincidiu cunha xornada de mal tempo e careceu de alternativas ou planificación complementaria. Tamén se organizou a visita dos Reis Magos aos centros sociais das parroquias, pero en horarios moi temperáns que limitaron a participación das familias traballadoras.

Segundo os socialistas, toda a programación descansou case exclusivamente na iniciativa das asociacións locais, mentres o Concello se limitou a acompañar sen liderar. A ausencia de carpa na Praza Maior, a modificación da tradicional gala de maxia do 28 de decembro e a suspensión da festa do 31 de decembro evidencian, para o PSOE, a falta dunha política cultural propia.

As poucas actividades que si se organizaron tiveron escasa publicidade, contribuíndo á sensación de improvisación. Mentres tanto, a alcaldesa apareceu en distintos medios promovendo unha xestión que non reflicte a realidade percibida pola veciñanza.

Dende o PSOE, lamentan que o Nadal se convertese nun exercicio de propaganda persoal e reivindican a necesidade de planificación, escoita e responsabilidade, aspectos que consideran brillaron pola súa ausencia durante estas datas.

0.1281361579895