O PSOE de Viveiro denuncia a “deriva autoritaria” da alcaldesa na dirección dos plenos municipais

AMariñaXa
Os socialistas acusan á rexedora de actuar con sectarismo, impedir o debate e incumprir o regulamento ao limitar a intervención da oposición
Viveiro-Pleno-municipal-2025
6 Dec 2025

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro fixo pública a súa “fonda inquietude” polo modo no que a alcaldesa está a conducir os últimos plenos. Segundo explican, as sesións plenarias evidencian unha evolución preocupante, marcada —din— por un “sectarismo crecente”, pola falta de respecto institucional e por un uso da palabra “á carta”, alleo ao procedemento regulamentado que debería garantir o bo funcionamento da corporación.

Os socialistas consideran especialmente grave a maneira en que a rexedora actúa cando durante os debates se realizan alusións a membros do seu Executivo. Denuncian que estes poden intervir sen ter a quenda concedida, interrompendo o ritmo normal da sesión e convertendo o pleno nun espazo onde as normas “só se aplican cando lle convén politicamente ao goberno”.

En cambio, apuntan que cando a alcaldesa formula acusacións ou comentarios sobre o PSOE —moitos deles “falsos e facilmente rebatibles”, segundo afirman— non se lles permite responder nin pedir a palabra, mesmo cando as afirmacións os aluden directamente. Para o grupo socialista, esta forma de proceder mostra unha clara intención de impedir que se coñeza a súa versión dos feitos e de limitar a súa capacidade para exercer o labor de fiscalización que lle corresponde á oposición.

Tamén critican que a presidenta do pleno utilice a súa posición para pechar debates con intervencións longas, sen tempo para réplica e sen garantir un intercambio equilibrado entre os grupos. Trátase, din, dun comportamento “impropio dunha institución democrática” e dun uso “partidista e excesivo” da presidencia.

Desde o PSOE lembran á alcaldesa que, aínda que foron expulsados do Goberno local tras unha moción de censura, continúan representando a milleiros de veciños e veciñas. Por iso reclaman o “mesmo trato institucional” que se lle dispensa a calquera outro grupo político. Entenden que o sucedido non só vulnera o Regulamento Orgánico Municipal, senón que tamén supón “un desprezo á corporación e á propia democracia municipal”.

Ante esta situación, instan á alcaldesa a modificar a súa actitude, cumprir escrupulosamente o regulamento e tratar á oposición coa dignidade que merece. “Goberna quen sabe escoitar, facilitar o debate e actuar con transparencia”, lembran. Uns principios que, ao seu xuízo, están “notablemente ausentes” no Concello de Viveiro na actualidade.

⚙ Configurar cookies
0.088876008987427