O PSOE de Viveiro critica que a Cabalgata de Reis se limite ao casco urbano

AMariñaXa
Os socialistas consideran un paso atrás eliminar o percorrido por Celeiro e Covas e reclaman unha programación de Nadal máis inclusiva
cabalgata-viveiro2
22 Dec 2025

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro amosou o seu malestar tras coñecer que a Cabalgata de Reis deste ano se desenvolverá unicamente polo centro urbano da vila, segundo recolle a programación de Nadal presentada polo Concello. Desde o PSOE lamentan que esta decisión deixe fóra barrios e núcleos de poboación como Celeiro e Covas, polos que tradicionalmente transcorría este desfile tan esperado polas crianzas.

Os socialistas lembran que, nos mandatos anteriores, a Cabalgata de Reis seguía un itinerario que partía de Celeiro, continuaba por Covas e remataba en Viveiro, permitindo achegar esta celebración aos principais núcleos do municipio. Este modelo, sinalan, facilitaba que moitos nenos e nenas puidesen vivir unha xornada tan especial no seu propio entorno, sen necesidade de desprazarse, converténdose nun costume moi apreciado pola veciñanza.

Desde o PSOE consideran que a redución do percorrido supón un retroceso, especialmente porque, ao seu xuízo, o custo da cabalgata non depende do trazado senón do número de carrozas, polo que limitar o itinerario non implicaría un aforro económico relevante. Engaden, ademais, que o tempo que se podería gañar coa modificación é mínimo se se compara co valor social, emocional e simbólico que ten levar a Cabalgata aos distintos barrios e parroquias.

O grupo municipal entende que só circunstancias excepcionais, como condicións meteorolóxicas adversas ou situacións extraordinarias, poderían xustificar un cambio deste tipo. Fóra destes supostos, defenden que a Cabalgata debería manter o seu percorrido habitual para garantir que todas as crianzas do concello poidan gozar dunha celebración que forma parte da memoria colectiva de Viveiro.

Finalmente, os socialistas trasladan o descontento que, aseguran, xa se percibe entre a veciñanza, que non comprende nin comparte esta decisión. Por iso, instan ao goberno municipal a reconsiderar o recorte do percorrido e a apostar por unha programación de Nadal máis integradora e pensada para todo o municipio.

⚙ Configurar cookies
0.077861785888672