O PSOE de Viveiro critica o rexeitamento á súa proposta para remunerar aos grupos culturais locais

AMariñaXa
Os socialistas denuncian desigualdades na programación municipal e reclaman un compromiso claro coa cultura de base
PSOE-Viveiro-VAc-costa-norte-cesar-mogo-2026
10 Apr 2026

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro levou ao último Pleno unha moción co obxectivo de garantir que os colectivos locais que participen na programación cultural organizada polo Concello perciban unha compensación económica polo seu traballo, unha proposta que finalmente non saíu adiante tras os votos en contra do Partido Popular e de Por Viveiro.

A iniciativa, segundo explicou a voceira socialista María Loureiro, partía da necesidade de dignificar o labor dos grupos culturais da vila e evitar situacións de desigualdade dentro da propia programación municipal. Neste sentido, subliñou que a proposta non pretendía fixar cantidades concretas, senón establecer un criterio claro que asegure que quen participa nestas actividades cobre polo seu traballo.

Loureiro lembrou que moitos destes colectivos se autofinancian e carecen de axudas estables, a pesar de levar anos sostendo a actividade cultural en Viveiro co seu esforzo. Por iso, considerou pouco razoable que o Concello conte con eles sen garantir unha mínima compensación económica, tendo en conta o valor, o tempo e o traballo que achegan.

Desde o PSOE amosan a súa sorpresa polo argumento económico empregado para rexeitar a moción, xa que a proposta deixaba en mans do equipo de goberno a fixación das contías en función da dispoñibilidade orzamentaria. “Se non se establece unha cantidade concreta, non se entende que se utilice a economía como motivo para votar en contra”, sinalou a voceira.

Ademais, os socialistas denunciaron a existencia de precedentes de trato desigual dentro da programación cultural municipal. Segundo indicaron, o pasado ano algúns grupos percibiron compensacións por participar en pasarrúas, mentres outros, que actuaron na praza dentro do mesmo programa, non recibiron remuneración algunha, unha situación que cualifican de inxusta.

O grupo tamén criticou a postura de Por Viveiro e do seu voceiro, Bernardo Fraga, ao considerar contraditorio o seu voto en contra tendo en conta a súa vinculación previa con asociacións culturais e a solicitude de apoios económicos para estas entidades.

Para o PSOE, esta decisión evidencia unha liña política na que Por Viveiro se sitúa ao lado do goberno, apoiando as súas posicións e rexeitando propostas da oposición, mesmo cando consideran que son beneficiosas para o tecido cultural do municipio.

María Loureiro concluíu incidindo en que a cultura local non pode sosterse unicamente co esforzo dos colectivos, senón que precisa tamén dun compromiso firme por parte das institucións. Desde o PSOE de Viveiro aseguran que continuarán defendendo iniciativas que garantan un apoio real á cultura de base e un trato equitativo para todos os grupos locais.

0.11697697639465