O PSOE de Viveiro critica a falta de esixencias da alcaldesa á Xunta e reclama compromisos reais para a cidade

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro fixo pública a súa valoración positiva respecto das recentes xestións da alcaldesa ante a Deputación de Lugo, como a reunión mantida co vicepresidente provincial para tratar cuestións relacionadas co deporte e a cultura. Para os socialistas, é fundamental reivindicar recursos e investimentos para o municipio. Con todo, lamentan que estes movementos “só se produzan nunha dirección”, mentres —aseguran— non existe unha demanda real de compromisos á Xunta de Galicia, administración competente en áreas clave para Viveiro.
Segundo o PSOE, as numerosas viaxes da alcaldesa a Santiago ao longo dos últimos meses “quedaron en fotos e titulares”, pero non derivaron en proxectos nin en investimentos sostidos para a cidade. A formación pon como exemplo a humanización do muelle de Viveiro, anunciada con 1,8 millóns de euros pero que, finalmente, só figura nos orzamentos autonómicos de 2026 cunha partida de 165.000 euros, moi lonxe do comprometido inicialmente.
Os socialistas tamén apuntan á variante de Viveiro, unha infraestrutura presentada con 10 millóns de euros que pasou a contar apenas con 4 millóns, unha cantidade que ademais debe compartirse coa VAC Costa Norte. Para o PSOE, esta cifra resulta “insuficiente” para avanzar nunha obra estratéxica. O mesmo ocorre —afirman— co Conservatorio Profesional de Música, competencia da Xunta para a que tampouco existe un compromiso firme.
Por iso, o grupo socialista considera “significativo” que cada vez que o municipio precisa investimentos, o Goberno local recorra á Deputación pero non reclame á Xunta aquilo que lle corresponde. “Viveiro necesita proxectos reais e un executivo municipal que esixa onde realmente hai que esixir”, subliñan.
O PSOE lembra ademais que o acordo da moción de censura, apoiada por Por Viveiro, incluía un compromiso autonómico de achegar 6 millóns de euros para a cidade. “Ata o de agora só temos fotos con conselleiros, pero ningún proxecto comprometido”, apuntan. Para a formación, “Viveiro merece compromisos reais, non anuncios valeiros”.