O PSOE de Viveiro critica a falta de apoio do Goberno local ás Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro manifestou a súa “fondísima preocupación” pola decisión do actual Goberno local, presidido pola alcaldesa Mariña Gueimunde (PP), de non apoiar a celebración presencial das IX Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima Cidade de Viveiro. Trátase dun encontro xa consolidado no panorama estatal, con proxección internacional e recoñecido en 2023 en Roma como exemplo de boas prácticas.
As xornadas, impulsadas historicamente polo Concello en colaboración coa Federación Española de Actividades Subacuáticas (FEDAS), a Federación Galega (FEGAS), a Asociación Lembranza, a Armada Española, a UNED e a Deputación de Lugo, permitiran nos últimos anos situar Viveiro como epicentro estatal na investigación subacuática. Durante sete edicións, estas actividades encheron de especialistas o Salón Multiusos do Concello e o Conservatorio Profesional de Música, ademais do espazo no que se exhiben os cañóns da Fragata Magdalena e o obús de Rovira. A única excepción fora a edición online motivada pola pandemia.
Segundo denuncia o PSOE, o Goberno municipal comunicou este ano á organización que non existe partida económica para asumir os gastos mínimos da edición, o que fai inviable a celebración presencial. Como consecuencia, as xornadas terán lugar unicamente en formato telemático, grazas á implicación da UNED, FEDAS, FEGAS, a Asociación Lembranza e do coordinador do encontro, o arqueólogo viveirense Antón López.
Os socialistas aproveitan tamén para advertir do “evidente abandono” que presentan os cañóns da Fragata Magdalena e o obús de Rovira, pezas de alto valor histórico e simbólico que, segundo relatan, foron coidadas de maneira exemplar nos últimos quince anos. Hoxe, denuncian, presentan deterioro na cabullería e falta de mantemento xeral, a pesar de que o grupo xa advertira desta situación nun pleno meses atrás sen obter resposta.
Para o PSOE, estas pezas forman parte esencial da memoria colectiva de Viveiro e constitúen un espazo moi visitado tanto por veciñanza como por turistas, polo que reclaman actuacións urxentes para garantir a súa conservación.
O grupo municipal socialista anunciou que presentará un rogo no vindeiro pleno para que o Goberno local inclúa nos Orzamentos de 2026 unha partida específica que garanta que a décima edición das Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima poida celebrarse de maneira presencial, “como corresponde a un evento desta dimensión e prestixio”.