O PSOE de Viveiro comprométese a liderar a oposición con responsabilidade

AMariñaXa
María Loureiro asegura que seguirán traballando para que os proxectos en marcha se leven a cabo
Viveiro-PSOE-Maria-Loureiro-2023
12 Mar 2025

Tras a Moción de Censura celebrada o pasado venres 7 de marzo, María Loureiro García, exalcaldesa de Viveiro e voceira do grupo municipal socialista, manifestou o compromiso do seu partido de continuar traballando dende a oposición con responsabilidade e experiencia de goberno.

"Imos seguir traballando dende a oposición coa experiencia de goberno", asegurou Loureiro, engadindo que o farán "con humildade, respecto e responsabilidade, como sempre o fixemos". O seu obxectivo é velar porque todos os proxectos e obras xa iniciados polo anterior goberno municipal continúen o seu curso e se leven a cabo con éxito.

O Partido Socialista de Viveiro destaca que, sendo a principal forza da oposición, asume a responsabilidade de liderala con compromiso e dedicación. Lembran que nas eleccións municipais de maio de 2023 foron a segunda forza máis votada e a primeira dentro do espectro da esquerda, o que lles outorga un papel fundamental na política local.

Desde a agrupación socialista insisten en que a súa prioridade son os veciños e veciñas de Viveiro, situando os seus intereses por riba de calquera cuestión partidista. Ademais, destacan algúns dos proxectos de relevancia que deixaron en marcha antes da moción de censura, como a remodelación da fachada marítima de Celeiro, a mellora da rúa do Porto, a licitación do proxecto da praia de Covas para recuperar o sistema dunar máis grande de Galicia, a reforma da pasarela do río Landro e a renovación do barrio de Xunqueira grazas a un convenio acadado coas tres administracións: Concello, Deputación e Xunta de Galicia.

Por último, María Loureiro quixo agradecer o apoio e os ánimos recibidos por parte da cidadanía, asegurando que seguirán traballando con firmeza polo ben de Viveiro.

viveiro-maria-loureiros-PSOE-2023
⚙ Configurar cookies
0.1578848361969