O PSOE de Viveiro celebra o avance do PXOM pero atribúe o atraso histórico ao bloqueo da Xunta

O PSOE de Viveiro valora positivamente que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) continúe o seu curso e avance na súa tramitación, pero quixo deixar claro que non se trata dun novo proceso, senón da mesma tramitación que xa estaba en marcha desde hai anos. Segundo explican, o plan sufriu un “bloqueo constante” por parte das diferentes consellerías da Xunta de Galicia, o que provocou un atraso histórico na súa aprobación.
O partido socialista aclara que o anuncio realizado pola alcaldesa de Viveiro se refire á recepción da Memoria Ambiental corrixida, documento que agora require que o Concello introduza as modificacións esixidas pola Xunta, un trámite que “forma parte do proceso ordinario do PXOM”. Trátase, insisten, do mesmo procedemento que xa se viña realizando durante os mandatos anteriores, “co mesmo equipo técnico e o mesmo equipo redactor”.
A diferenza, segundo o PSOE, é que “agora a Xunta responde en poucas semanas, mentres que cando María Loureiro era alcaldesa as respostas tardaban meses ou mesmo anos”. Lembran que naquela etapa tamén se solicitaban reunións, se convocaban comisións técnicas e se enviaban escritos ás consellerías para avanzar na tramitación, “porque calquera alcalde ou alcaldesa, sexa da cor política que sexa, quere que o seu plan urbanístico saia adiante”.
Os socialistas aseguran que a situación actual demostra que “o verdadeiro freo do PXOM estivo durante anos na falta de vontade política do Goberno galego”, e consideran esa actitude “unha falta de respecto institucional e unha vergoña”, xa que “a Xunta debe actuar pensando nos intereses de todos os galegos e galegas, e non en función da cor política dos concellos”.
Desde o PSOE lembran que existen “hemerotecas, rexistros e documentación” que avalan o traballo realizado e o esforzo constante do anterior goberno municipal. “Nós alegramos de que o PXOM avance e desexamos que chegue canto antes ao pleno municipal. Se se cumpre o prognóstico da alcaldesa e pode aprobarse no primeiro trimestre, alegrarémonos sinceramente”, apuntan.
Os socialistas conclúen que o proceso actual confirma a súa tese de sempre: “Cando hai vontade política e colaboración entre as administracións, o PXOM pode saír adiante. O que faltou durante anos foi iso: vontade e cooperación real por parte da Xunta”.