O PSOE de Viveiro acusa ao PP de vivir das rendas do anterior goberno local

AMariñaXa
Os socialistas critican o “desprestixio constante” sufrido e aseguran que os proxectos que executa o executivo popular foron deixados listos polo seu equipo
Viveiro-Pleno-municipal-2025
30 Jul 2025

O grupo municipal socialista de Viveiro arremeteu contra as declaracións realizadas pola secretaria xeral do PP de Galicia, Paula Prado, e pola presidenta provincial do partido, Elena Candia, nas que destacaban a actual alcaldesa como “referente na Mariña” e afirmaban que “Viveiro xa nota o cambio”.

Desde o PSOE tacharon estas afirmacións de “ofensivas e faltas de respecto á verdade e á veciñanza”. Aseguran que, malia a campaña de desprestixio que din ter sufrido durante anos, “o certo é que todo o que está executando o goberno do PP son proxectos herdados do noso mandato”.

Segundo explican, o executivo actual “non presentou ata o de agora nin unha soa iniciativa nova” nin tampouco aclararon como se van investir os seis millóns de euros anunciados no acordo político co grupo Por Viveiro tras a moción de censura. “Falaban de futuro, pero cinco meses despois, nada novo chegou ao pleno”, insisten.

Respecto aos orzamentos municipais, os socialistas lembran que votaron a favor “por responsabilidade política”, conscientes de que son imprescindibles para manter servizos, reparacións e subvencións ás asociacións culturais e deportivas. “Esa é a nosa maneira de facer política: traballar polo ben común”, subliñan.

Critican a actitude do PP cando estaba na oposición, acusándoo de bloquear sistematicamente os orzamentos e outras cuestións fundamentais como a modificación da relación de postos de traballo. “Votaron en contra de medidas para solucionar o problema da Policía Local e, paradoxicamente, agora levan ao pleno exactamente o mesmo que rexeitaron antes”, engaden.

Tamén afean que “despois de tanto criticar, agora preséntanse proxectos e iniciativas que xa foran elaboradas e xestionadas polo goberno anterior”. Poñen como exemplo a revista de promoción turística, que a actual alcaldesa presentou “coma se fose nova, cando xa se viña difundindo durante os últimos anos”.

Desde o PSOE recoñecen que “tras tantos anos de xestión, todo é mellorable” e admiten ter cometido erros. Porén, consideran “inxusto” o nivel de críticas que recibiron: “Dicían que non faciamos nada e agora demóstrase que todo o que se está a facer vén do noso traballo”.

Acusan á rexedora popular de actuar con “hipocrisía” ao pedir agora colaboración institucional. “Mentres estivo na oposición, non fixo nin un só xesto para lograr investimentos da Xunta. Non lle interesaba que se visen avances en Viveiro durante os gobernos socialistas”, denuncian.

Conclúen asegurando que seguirán exercendo unha oposición firme e rigorosa, “sen caer no ataque fácil”, co obxectivo de que Viveiro avance de forma real, “non a base de fotos e propaganda”.

⚙ Configurar cookies
0.24204397201538