O PSOE de Viveiro acusa ao PP de hipocrisía e defende a súa xestión ante a multa de Costas

A Agrupación Socialista de Viveiro respondeu con firmeza ás críticas vertidas pola alcaldesa popular, Mariña Gueimunde, en relación á multa de 2.700 euros imposta por Costas pola instalación dunha carpa durante o Entroido nos xardíns da vila.
Para a voceira do PSdeG, María Loureiro, “esta sanción non é máis que unha escusa para agochar a falta de xestión do actual goberno. Desde a oposición é todo moi doado, pero agora que están á fronte do Concello comproban que as cousas son bastante máis complexas”.
Loureiro salientou que “as obras e proxectos que se están a executar en Viveiro foron impulsados polo anterior goberno socialista. O PP chegou ao poder cunha moción de censura que nos botou en só dez días, sen tempo para completar os trámites en curso”.
Sobre a sanción, a líder socialista indicou que se enteiraron polos medios de comunicación e amosou o seu rexeitamento á mesma: “Sempre houbo diálogo coa administración. A colocación da carpa nunca foi sinxela, xa que os terreos están afectados por Costas ou por Portos de Galicia. Incluso se barallou levala ao pavillón Antonio Tarrío, pero a Xunta negouse”.
O PSOE de Viveiro aproveitou tamén para lembrar a situación herdada do anterior goberno popular: “En 2003 deixaron unha débeda de máis de 11 millóns de euros. O mentor da actual alcaldesa foi quen provocou aquela desfeita. E durante o noso mandato tivemos que asumir máis de un millón de euros en multas por licenzas mal concedidas polo PP”.
Loureiro puxo como exemplo o caso do Pazo de Grallal, onde se concedeu unha licenza sen autorización de Patrimonio dous días despois de perder as eleccións: “O Concello tivo que pagar preto de 800.000 euros. Pero non foi o único caso: en Nicolás Cora tivemos que corrixir un edificio e pagar 450.000 euros, e en Lodeiro afrontamos outra sanción de 100.000 euros. Todo por erros do PP”.
“Non nos enorgullece a sanción de 2.700 euros, pero resulta insultante recibir leccións dos que deixaron semellante herdanza. Esa é a verdadeira pegada do Partido Popular en Viveiro”, concluíu Loureiro.
En canto aos orzamentos municipais, o PSdeG aclarou que non existe, a día de hoxe, ningún proceso de negociación aberto: “Non recibimos proposta ningunha nin fomos convocados a ningunha reunión”. A formación reiterou o seu compromiso co diálogo e coa estabilidade institucional, pero lamentou a actitude dun PP que, cando estaba na oposición, rexeitaba sistematicamente os orzamentos.