O PSOE de Viveiro acusa ao PP de bloquear investimentos clave ao rexeitar todas as emendas aos Orzamentos da Xunta

AMariñaXa
Os socialistas denuncian que quedaron fóra partidas para a Vía de Altas Prestacións, a humanización do peirao e a continuidade das obras na Rúa do Porto de Celeiro
Viveiro-Pleno-municipal-2025
21 Dec 2025

O Partido Socialista de Viveiro denunciou que o Partido Popular rexeitou na súa totalidade as emendas presentadas aos Orzamentos da Xunta de Galicia que tiñan incidencia directa no municipio, unha decisión que, ao seu xuízo, volve evidenciar a distancia entre os anuncios públicos e os compromisos reais co concello.

Segundo explican desde o PSOE, presentáronse tres emendas concretas, detalladas e xustificadas, todas elas desestimadas polo PP durante a tramitación parlamentaria das contas autonómicas. A primeira delas facía referencia á Vía de Altas Prestacións, para a que se solicitaba un incremento da dotación económica. Os socialistas lembran que os 4 millóns de euros recollidos nos orzamentos actuais non só resultan claramente insuficientes, senón que supoñen unha redución con respecto ao exercicio anterior, no que se consignaran 10 millóns. Para o PSOE, esta rebaixa demostra a falta de vontade da Xunta para avanzar de maneira efectiva nunha infraestrutura considerada fundamental para a Mariña, cualificando a partida prevista como “unha burla”.

A segunda emenda presentada tiña como obxectivo aumentar o investimento destinado á humanización do peirao de Viveiro. Esta proposta baseábase nun anuncio público realizado polo conselleiro do Mar tras a toma de posesión da nova alcaldesa, no que se falaba dun proxecto valorado en arredor de 1,8 millóns de euros. Porén, nos orzamentos da Xunta só figura unha partida de 165.000 euros, unha contía que os socialistas consideran moi afastada do anunciado e insuficiente para executar a actuación prometida.

A terceira emenda reclamaba a inclusión dunha partida de 300.000 euros para dar continuidade ás obras na Rúa do Porto de Celeiro. O PSOE lembra que durante o anterior mandato socialista o Concello de Viveiro executou unha intervención superior aos 600.000 euros, en colaboración coa Deputación de Lugo, que permitiu humanizar unha parte relevante da zona. Quedou pendente o tramo lindeiro co dominio portuario, competencia de Portos de Galicia, cun custo menor e asumible. Esta actuación, ademais, fora aprobada por unanimidade nunha moción plenaria. Con todo, segundo denuncian os socialistas, a alcaldesa non realizou as xestións necesarias para garantir a súa inclusión nos orzamentos da Xunta, malia ser esta a mellor garantía para a execución da obra.

Desde o PSOE lamentan que, unha vez máis, Viveiro quede á marxe dos investimentos reais da Xunta de Galicia e critican que o PP empregue a súa maioría absoluta para rexeitar todas as emendas da oposición, mesmo aquelas dirixidas exclusivamente a mellorar o municipio. “Se unha actuación non figura no orzamento, non é un compromiso real, senón só un anuncio”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.078011035919189