O PSOE de Viveiro acusa ao novo goberno de Por Viveiro de "populismo" na súa primeira moción

AMariñaXa
Segundo a formación socialista a iniciativa, centrada na situación do antigo Colexio de Celeiro, non achega solucións reais
maria-loureiro-alcaldesa-viveiro-2024
10 Jul 2025

O grupo municipal socialista de Viveiro criticou duramente no pleno a primeira moción presentada por Por Viveiro desde a súa chegada á Alcaldía, case catro meses despois da moción de censura. Segundo o PSdeG-PSOE, a iniciativa, centrada na situación do antigo Colexio de Celeiro, non achega solucións reais e limítase a sinalar responsabilidades do anterior executivo.

A voceira socialista, María Loureiro, cualificou a proposta como “un exercicio de populismo e confrontación” e advertiu que “non se pode cargar ao Concello cun edificio ruinoso e sen garantías”.

Durante a súa intervención, Loureiro lembrou que, no seu mandato como alcaldesa, o Goberno local fixo todas as xestións posibles para obter a cesión do inmoble. Segundo explicou, a primeira oferta da Tesourería Xeral da Seguridade Social foi de 700.000 euros “tal e como estaba”, unha cantidade que considerou “unha barbaridade” polas malas condicións estruturais do edificio.

Máis adiante, e tras varias reunións co organismo estatal, abriuse a opción dunha cesión gratuíta, aínda que condicionada a que o Concello asumise o inmoble no seu estado actual, sen melloras previas. Loureiro subliñou que “o problema non é de ‘gobernos amigos’ como di o señor Bernardo, senón de legalidade e normativa estatal”, e insistiu en que “a Tesourería Xeral da Seguridade Social é un organismo autónomo, con criterios técnicos e patrimoniais que non dependen do goberno local”.

Tamén explicou que o executivo anterior solicitou a reparación da cuberta como condición mínima para aceptar a cesión, unha intervención valorada en máis de 200.000 euros pola unidade técnica. “Non podiamos aceptar a cesión dun edificio que segue tendo filtracións e humidades, porque iso suporía unha carga económica máis e un risco para a súa conservación”, advertiu. Ao rexeitar a Tesourería asumir esa obra, o inmoble saíu a poxa pública, pero quedou deserta.

A voceira socialista foi contundente: “A realidade é que a Escola Vella de Celeiro está en estado ruinoso. Tendo en conta que neste momento xa é difícil manter o que temos: o conservatorio, o teatro, os centros sociais, etc., non sería responsable aceptar outro edificio sen recursos para arranxalo”.

Loureiro defendeu a postura do anterior Goberno local, sinalando que actuaron con responsabilidade e realismo: “Nós fixemos as xestións necesarias, sen vender fume, e seguimos mantendo a mesma postura: se arranxan a cuberta, apoiamos a cesión, e despois xa se poderá rehabilitar o resto por fases e con seguridade”.

A socialista rematou a súa intervención lamentando o ton e o enfoque da primeira moción de Por Viveiro: “Vivimos nun tempo no que o fácil é buscar culpables, pero o difícil e necesario é gobernar con responsabilidade”.

⚙ Configurar cookies
0.15477395057678