O PSOE de Viveiro acusa ao goberno local de inflar as cifras das subvencións nominativas de 2025

AMariñaXa
Os socialistas aseguran que as achegas reais baixan ata os 221.700 euros, lonxe dos “máis de 325.000” anunciados pola alcaldesa
Viveiro-PSOE-Maria-Loureiro-2023
16 Nov 2025

O grupo municipal socialista de Viveiro respondeu ás recentes declaracións da alcaldesa, Mariña Gueimunde, quen afirmou que o Concello investiría “máis de 325.000 euros” en subvencións nominativas no ano 2025. Segundo o PSOE, esa cifra non se corresponde cos datos oficiais.

Os socialistas explican que, segundo os anexos recollidos nos orzamentos municipais aprobados para 2025, o importe total destinado ás entidades culturais, deportivas, sociais e comerciais é de 221.700 euros. Isto supón —subliñan— unha baixada de 9.150 euros respecto ao exercicio de 2024, tomando só as contías propias dese ano, xa que o anexo anterior recollía tamén achegas de 2023.

O cadro comparativo elaborado polo grupo revela múltiples recortes: Bagoas da Terra perde 3.000 euros e a Asociación Proa 500; o Club de Remo de Celeiro ve reducida a súa contía en 2.500 euros; e desaparecen completamente axudas destinadas a entidades como Cabaleiros do Landro ou o Celeiro Clube do Mar de Fútbol. Tamén se eliminan as subvencións para clubs de mergullo, pádel e bádminton, así como as destinadas a deportistas vinculados ao automovilismo.

En contraposición, increméntanse algunhas partidas: 1.000 euros máis para o Seminario de Estudos Terra de Viveiro e 2.000 euros adicionais para o Viveiro C.F. Ademais, inclúense 20.000 euros para as Festas do Naseiro, unha contía correspondente a 2024 que non puido incorporarse no seu momento.

“O discurso do goberno local non se sostén”, denuncian os socialistas, que acusan ao executivo de “manipular as cifras para aparentar un reforzo do apoio ás entidades cando, en realidade, se recorta”. O PSOE reclama transparencia e veracidade na comunicación institucional e comprométese a continuar vixiando o destino dos fondos públicos para garantir un modelo de apoio “real, claro e equitativo”.

⚙ Configurar cookies
0.070592164993286