O PSOE de Viveiro acusa á alcaldesa de vender como logro propio investimentos obrigatorios da Xunta

O grupo municipal socialista de Viveiro critica que a alcaldesa Mariña Gueimunde pretenda confundir á cidadanía presentando como un logro propio as actuacións da Xunta nos centros educativos do municipio, cando se trata, segundo indican, de investimentos que son competencia exclusiva do Goberno galego.
Desde o PSOE lembran que a educación é unha responsabilidade da Xunta de Galicia, e que, por tanto, está legalmente obrigada a garantir o bo estado dos colexios e institutos. “Parécenos ben que se acometan melloras nos centros, pero isto non é un agasallo nin unha concesión especial a Viveiro, senón unha obriga que se debe cumprir”, afirman.
Os socialistas tamén critican a visita que a rexedora realizou recentemente a Santiago para, segundo eles, “sacarse unha foto co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e anunciar unhas inversións que xa foran comunicadas publicamente o pasado 31 de xaneiro, antes incluso de ser alcaldesa”. Nesa data, indican, o propio conselleiro visitou o IES María Sarmiento para dar conta dos proxectos previstos.
“Algunhas destas actuacións tiñan que terse feito hai tempo”, engaden, e consideran “desacertado que se intenten vender como logros persoais da nova alcaldesa actuacións que son obrigas institucionais”.
Ademais, denuncian un trato desigual por parte da Xunta de Galicia, lembrando que “os anteriores gobernos locais socialistas solicitaron en numerosas ocasións reunirse co conselleiro de Educación, sen obter resposta nin ser recibidos por María Loureiro, anterior alcaldesa”.
“O Goberno galego representa a toda Galicia, non só ao Partido Popular”, conclúen.
