O PSOE de Viveiro acusa a alcaldesa de autoritarismo e censura no pleno municipal

O grupo municipal socialista de Viveiro cargou duramente contra a actitude da alcaldesa Mariña Gueimunde durante a sesión plenaria celebrada onte no Concello. Segundo denuncian, a rexedora protagonizou unha conduta “autoritaria e prepotente”, chegando mesmo a impedir que a oposición tomase a palabra por dereito de alusións, o que consideran unha vulneración dos dereitos democráticos das formacións que representan a maioría dos votos da cidadanía.
Dende o PSOE acusan a alcaldesa de “soberbia e desprezo institucional”, sinalando que durante o pleno non só cortou as intervencións dos edís socialistas e nacionalistas, senón que tamén realizou afirmacións falsas sobre a xestión do anterior goberno local. “Non permitiu que responderamos a acusacións inxustas e mentiras evidentes”, apuntan.
Un dos puntos de maior tensión foi o debate arredor da creación dunha nova praza de xefatura na Policía Local. Os socialistas lembran que, cando exercía na oposición, o PP rexeitou unha proposta idéntica en xaneiro de 2025, a pesar de contar cos informes favorables da Secretaría Municipal e do Xefe de Persoal. “Agora presentan exactamente o mesmo, cambiando só o nome do posto —de inspector xefe a xefe da Policía— e teñen a desvergoña de dicir que aquela denominación foi unha invención nosa”, denuncian.
Ademais, o PSOE reprocha a Mariña Gueimunde que chegase incluso a contradicir os criterios da Secretaría Municipal sobre o funcionamento do regulamento interno dos plenos, mostrando, segundo eles, unha “falta total de respecto institucional”.
Dende o grupo socialista fan un chamamento á alcaldesa para que “respecte os dereitos da oposición e da cidadanía” e lle lembran que “a pluralidade e o diálogo son esenciais no funcionamento democrático dunha administración local”.